O goberno de Teo móstrase satisfeito coa anulación do contrato de Viaqua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A corporación teense reúnese este xoves 19 de xuño ás 20:30 horas nunha convocatoria extraordinaria para votar a declaración de nulidade da ampliación do prazo do contrato de xestión dos servizos de abastecemento e depuración de augas do Concello de Teo realizada o 30 de abril de 2007. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.

O goberno municipal de Teo amosa a súa satisfacción pola resolución do Consello Consultivo de Galicia na que informa favorablemente a proposta de resolución do acordo plenario do 30 de abril de 2007 sobre a prórroga do contrato de xestión dos servizos de abastecemento e depuración de augas do Concello de Teo a favor de Viaqua ata o 2029. Deste xeito ditamínase que esa ampliación do contrato de auga en Teo, aprobada na última etapa do goberno de Armando Blanco, é nulo de pleno dereito.

O goberno municipal destaca que “este ditame vén a avalar a nosa posición en contra desta modificación contractual, unha posición que xa defendemos en abril do 2007”. En agosto do 2007, despois das eleccións locais nas que Martiño Noriega se converte en alcalde, lévase a pleno por primeira vez a revisión desta prórroga ilegal. Nesa sesión a proposta foi rexeitada con 7 votos en contra do PP e InTeo, 6 votos a favor do goberno e 4 abstencións do PSdG-PSOE. O pleno naquel momento ratificaba “de facto” a prórroga do citado contrato que se xestionou nos últimos anos “asumindo todas as obrigas e os poucos beneficios establecidos na mesma” destaca o goberno teense.

Non obstante en maio do ano pasado a empresa concesionario pretendeu unha nova modificación contractual, que segundo os servizos xuríodicos non se podía realizar. Viaqua presentaba dous escritos nos que pedía un incremento de tarifas. Esta petición da empresa permítelle ao goberno municipal defender politicamente a revisión deste acordo por considerar que está incurso nunha causa de nulidade e pedir que o Consello Consultivo de Galicia dictamine sobre a declaración de nulidade do acordo aprobado en abril do 2007.

O ditame do Consello Consultivo é favorable a esta petición e na súa exposición de motivos avala a posición defendida polo Concello. A modificación do contrato é nula porque non cumpría as condicións legais para facerse a través dunha modificación ou ampliación do contrato por variar sustancialmente as condicións do contrato orixinal. O procedemento tería que ter sido unha nova licitación do servizo que respectase os principios de libre concorrencia e igualdade de oportunidades.

O pleno do Concello de Teo debe pechar este proceso nunha sesión extraordinaria convocada para mañá xoves 19 de xuño no que se acorde a resolución do contrato, amparados polo ditame do Consello Consultivo. O BNG e o PSOE apoiaron o inicio do expediente de revisión en decembro de 2013, mentres que o PP e o InTeo, forzas que soportaban o goberno municipal no 2007, se abstiveron.

Nas próximas semanas o goberno municipal traballará no deseño da xestión da auga para os próximos anos en Teo. Martiño Noriega adianta que “ante este novo escenario queremos recuperar a xestión da auga”. “Traballaremos para poder municipalizar este servizo, dentro das posibilidades que nos dea o marco normativo actual” indica o rexedor teense.

Pola súa banda neste momento a empresa concesionaria, Viaqua, debe seguir prestando o servizo en condicións de normalidade por tratarse dun servizo esencial polo que esta tramitación administrativa non lle afectará aos cidadáns.

Cabe destacar que dende o Concello remitiuse este expediente á Fiscalía ao mesmo tempo que se mandaba ao Consello Consultivo de Galicia. Un dos informes xurídicos que obran no expediente administrativo indica que é “conveniente aludir á posible relevancia penal derivada da adopción do acordo plenario discutido” en referencia á prórroga do contrato. A asesoría xurídica considera que as circunstancias observadas nesta ampliación poden levar a concluír que naquela decisión concorreron indicios de delito.

18 de xuño de 2014 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.