O Goberno de Santiago ve inxusta a condena aos sete edís e a oposición esixe a súa dimisión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A tenente de alcalde do Concello de Santiago, Reyes Leis, cualificou de “inxusta” a condena a nove anos de inhabilitación aos sete concelleiros do PP na capital de Galicia que acordaron que o Concello se fixese cargo dos gastos de defensa doutro edil, mentres que PSdeG e BNG xa reclamaron a súa inmediata dimisión.

   O Goberno municipal de Santiago de Compostela está a estudar o contido da sentenza para decidir qué decisión adopta a raíz da condena aos sete concelleiros, contra a que cabe recurso. A xuízo de Reyes Leis, trátase dunha sentenza “inxusta”, pero “hai que respectar as decisións xudiciais”.

   Pola súa banda, os grupos da oposición xa reclamaron a inmediata dimisión dos concelleiros condenados, unha reclamación que o BNG fixo extensiva tamén ao alcalde, Ángel Currás, quen permanece imputado na Operación Pokémon e na causa por unha denuncia por acoso formulada por un policía local.

   Os concelleiros condenados son María Pardo, tenente de alcalde, responsable de Urbanismo e voceiro da Xunta de Goberno Local; Cecilia Sierra, concelleira de Facenda; Francisco Noya, de Festas; Amelia González, de Réxime Interno e Persoal; Juan de la Fuente, de Obras; María Castelao, de Servizos Sociais; e Luis García Bello, de Seguridade Cidadá.

   Todos eles aprobaron en Xunta de Goberno pagar a defensa a Adrián Varela, implicado á súa vez no caso Pokémon e quen presentou a súa dimisión o pasado luns alegando que o facía, precisamente, en solidariedade cos seus compañeiros que sentaran no banco o 19 de maio. Non obstante, o mesmo día que formalizou a súa renuncia fora citado a declarar en calidade de querelado a raíz da querela presentada contra el pola CIG despois de que pedise o despedimento da muller dun sindicalista.

2 de xuño de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.