O goberno de Ferrol contribúe con Aspaneps para a realización de dous programas
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, renovou esta mañá o convenio de colaboración coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (ASPANEPS) para a realización dos proxectos “Ponte no meu lugar” e “Atención socio-educativa e intervención con familias e menores en risco psicosocial”. Jose Manuel Rey rubricou hoxe este acordo coa entidade por un importe de 20.000 euros.
Ámbolos dous programas permitirán fomentar a tolerancia, solidariedade e sensibilidade social da poboación infantil do termo municipal así como proporcionar un espacio relacional, recursos e apoio profesional que posibiliten un axeitado desenvolvemento psicosocial e socio-educativo dos menores de idade. De xeito máis concreto, o programa “Ponte no meu lugar” ten como obxectivo sensibilizar e fomentar nos nenos/as o respecto antes as diferenzas individuais e promover a relación e a cooperación con persoas con discapacidades como un xeito de coñecerse.
Así mesmo, a iniciativa de “Atención socio-educativa e intervención con familias e menores en risco psicosocial” pretende dar orientación e asistencia a familias con dificultades psicosociais en canto á socialización dos seus fillos; e apoiar ás familias en diferentes momentos do ciclo vital e nas etapas críticas do desenvolvemento dos nenos. A iniciativa “Ponte no meu lugar”, desenvólvese dende hai anos entre os escolares de Infantil e Primaria do municipio; mentres que o dirixido ao apoio á familia se leva a cabo mediante entrevistas e o uso de cuestionarios e material psicométrico.











