O goberno de Ferrol aproba as obras de reposición das fachadas do centro comercial Porta Nova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol completará as obras de emerxencia no Centro Comercial Porta Nova, situado no entorno da praza do Inferniño (Ensanche A), cunha intervención de reposición das fachadas desta instalación de titularidade municipal construída hai vinte anos. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto básico e de execución, así como o plan de seguridade e saúde, para acometer estes traballos declarados de urxencia e cos que se porá fin á falta de mantemento e conservación que presenta o centro practicamente dende a súa apertura.

Este proxecto de mellora do Centro Comercial Porta Nova impulsado polo Goberno Municipal, a través da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, completará a intervención de urxencia realizada o pasado mes de maio ante o desprendemento de parte da fachada e que consistiu en desmontar a folla exterior da parede do centro que está orientada á Avenida de Viveiro, ademais doutras tarefas para apuntalar os muros dianteiro e traseiro do devandito equipamento comercial. O responsable de Urbanismo, Guillermo Evia Pérez, explicou que os traballos aprobados esta mañá suporán, basicamente, a retirada das follas exteriores da fachada de Porta Nova substituíndoas por paneis de aluminio, unha solución que o edil ferrolá considera a máis rápida, limpa e estética.

A Administración municipal destinará un total de 374.374 euros (21% de IVE incluído) a estas obras de emerxencia, que teñen un prazo de execución de catro meses. Deste xeito, o Goberno Municipal garante a seguridade do centro comercial do Inferniño, e sigue adiante coa súa iniciativa para relanzar estas instalacións para conseguir que sexan un punto de dinamización do barrio do Ensanche A. Nesta liña, cómpre lembrar que o executivo local ten dado pasos para retirar a xestión de Porta Nova ao seu concesionario, así como para recuperar os locais baleiros de actividade.

 

30 de xuño de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.