O goberno de Cangas apela á responsabilidade cidadá de cara á noite de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Ante a proximidade da festividade de San Xoán, na que as fogueiras son o atractivo tradicional por excelencia, dende a concellería de Praias e Medio Ambiente do Concello de Cangas solicítase á cidadanía unha actitude responsable para que todo transcorra con normalidade e sen incidentes nesa noite máxica que marca o inicio do verán.

O concelleiro de Medio Ambiente Jesús Graña demanda “precaución” e pide que se informe por medio do rexistro do Concello, da solicitude de fogueiras para que estas estean ubicadas polos servizos de emerxencias e Protección Civil e Bombeiros poidan acudir e actuar de forma máis eficaz en caso de que se produza algún problema.

Dende a área de Medio Ambiente lembran a todos os usuarios que para facer unha fogueira é importante elixir unha zona segura, que estea limpa e se elimine o material que poida propagar o lume fóra da fogueira. Graña fai fincapé na importancia de ter vixilancia constante sobre a mesma, dispoñer de medios de extinción coma puntos de auga ou extintores preto do lume e cerciorarse de que a fogueira está completamente apagada antes de marchar do lugar.

Así mesmo, existen unha serie de materiais que está prohibido queimar coma son os envases a presión, os aerosois (desodorantes, insecticidas) materiais explosivos, líquidos inflamables e envases ou materiais plásticos principalmente ademais dos produtos contaminantes e tóxicos co medio ambiente coma neumáticos, pinturas ou colchóns.

Cómpre ter especial precaución cos materiais lixeiros coma telas ou papeis que poden desprenderse da fogueira como consecuencia do vento e provocar outros puntos de lume.

Dende o goberno local anímase á veciñanza a disfrutar desta xornada festiva con responsabilidade para esta noite de maxia e tradición poida saldarse sen incidentes.

Plan de Emerxencias

Coa finalidade de eliminar riscos e solventar os posibles problemas da maneira máis eficaz, desde as concellerías de Praias e Medio Ambiente, Obras e Servizos e Seguridade e Tráfico, elaborouse un Plan de Actuación coa colaboración de Protección Civil e Policía Local.

Un equipo de emerxencias velará esa noite de forma especial pola seguridade e estará alerta ante calquera tipo de risco.

O plan inclúe, ademais da vixilancia, a retirada de todo tipo de materiais perigosos coma os anteriormente mencionados.

Recorden que de prodicirse algún incidente deberán chamar a emerxencias no 112 ou a Preotección Civil no 986305530.

20 de xuño de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.