O goberno de Brión esixe que se cubra o posto de matrona no centro de saúde de inmediato
O Concello de Brión esixe que se cubra de inmediato o posto de matrona do centro de saúde brionés, despois da xubilación da profesional que o atendía despois de 40 anos de servizo. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, considera “impresentable pretender obrigar ás mulleres de Brión a pasar consulta no Milladoiro por culpa dos recortes en materia sanitaria”, unha vez confirmado que as autoridades sanitarias autonómicas non teñen previsto cubrir este posto e que pretenden que o servizo sexa presentado dende o centro de saúde do Milladoiro.
Xosé Luís García denuncia que “esta situación é culpa dos recortes en materia sanitaria que está a aplicar o Goberno, pois incluso nos envían ao Milladoiro porque lles sae máis barato que Bertamiráns, que está moito máis preto. Buscaremos acordos con quen sexa, estamos abertos a falar con quen sexa pero non imos estar calados porque isto non pode quedar así de ningunha maneira”. Neste sentido, advirte de que “en ano e medio tamén se xubila un dos médicos, imos quedar tamén sen el? Porque se seguimos aplicando estas medidas sen sentido ao final imos quedar sen profesionais para o centro de saúde brionés”.
Escritos ante as autoridades
O Concello de Brión enviará de inmediato sendos escritos oficiais tanto á Consellería de Sanidade como ao Servizo Galego de Saúde para solicitar que se cubra a praza de matrona no centro de saúde de Brión o antes posible. Así mesmo, o grupo de Goberno presentará unha moción na próxima sesión plenaria, na que espera que todos os grupos políticos municipais apoien o mantemento da praza de matrona en Brión.
O alcalde brionés considera que a posibilidade de que o servizo sexa prestado ocasionalmente (2 veces por semana) por persoal do centro de saúde do Milladoiro “non é unha solución aceptable, pois supón saturar aínda máis un servizo que xa tivo que aturar unha carga extra de traballo cando se fixeron cargo das probas xinecolóxicas”. O Concello de Brión denuncia que a solución que ofrece a Xunta non pode ser definitiva, xa que supón condensar en 2 días un servizo de 5 días, así como incrementar dun xeito exponencial a carga de traballo das matronas do Milladoiro. Por último, compre indicar que as mulleres brionesas terían que desprazárense a unha distancia de 12 quilómetros do actual centro de saúde, pero que no caso das mulleres que viven nas parroquias da parte alta de Brión (Luaña, Cornanda ou Viceso) o desprazamento supera os 25 quilómetros.











