O goberno da Laracha proporá ao pleno aumentar o crédito para obras de investimento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha celebrará o luns da próxima semana (16 de xuño) un Pleno extraordinario ao que se elevarán os temas que están a ser tratados en Comisión Informativa. Precisamente hoxe reuniuse a de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, que está presidida polo edil Ramiro Bello.

Na xuntanza deste mediodía analizáronse varias propostas impulsadas polo grupo de goberno, entre as que cabe salientar a aprobación dun suplemento de crédito que permitiría financiar obras de mellora en varias estradas municipais e a bonificación do 75% no ICIO a Retegal para a instalación dunha antena de telecomunicacións na parroquia de Montemaior.

No que atinxe ao expediente de modificación de créditos do orzamento xeral en vigor, proponse aumentar en 100.000 euros a contía inicialmente prevista para investimentos reais co obxectivo de dispoñer dos fondos necesarios para acometer seis actuacións na rede viaria municipal. En concreto, o goberno local pretende renovar o pavimento das rúas Rosalía de Castro e Silverio Moreda da capital municipal da Laracha e mellorar as estradas Vista Alegre-Samiro e Areosa-Amboade enVilaño e O Xeixo-Gosende e acceso a Os Bidueiros en Soutullo.

O suplemento de crédito financiaríase con cargo a unha parte do remanente de tesourería que deixou a liquidación do exercicio económico 2013 (que ascendera a un total de 163.400 euros).

Antena de telecomunicacións en Montemaior

A Xunta de Galicia, a través da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), instalará unha antena de telecomunicacións en Montemaior, concretamente no lugar denominado Fonte do ouro. Con esta nova infraestrutura mellorarase a cobertura de banda larga de internet en varios núcleos desa parroquia, afectando tamén polo seu emprazamento a parte de Golmar e de Soutullo.

Ao tratarse dunha actuación promovida por unha administración pública para a implantación dun servizo de interese comunitario, o goberno local propón aplicar unha bonificación no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) do 75%, tal e como permite a ordenanza fiscal municipal.

 

12 de xuño de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.