publicidade hoxe

O GAC3 organiza showcookings para poñer en valor os productos do mar da Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaCabana de BergantiñosCarballoMuxíaPontecesoVimianzo
A-
A+

Os frutos do mar da Costa da Morte convértense en protagonistas das últimas fins de semana de xuño en seis municipios con litoral. O Grupo de Acción Costeira – GAC3 Costa da Morte programou un calendario de demostracións culinarias en vivo (showcookings) no marco da iniciativa turístico-gastronómica “Come o mar” denominadas “O espectáculo de cociñar o mar”. Durante estes obradoiros que cubrirán a ruta Vimianzo, Carballo, Cabana, Muxía, Ponteceso e A Laracha poñeranse en valor varios produtos da Costa da Morte como son o peixe en salgadura e fresco, o berberecho, a ameixa, o congro seco e o calamar ou o polbo, destacando as súas cualidades e presentándoos dunha forma innovadora e sorprendente no padal de veciños, turistas e visitantes. Aporta Comunicación é a empresa encargada de desenvolver este ciclo de actividades.

A creativa xornada inaugural, denominada “Conversas co mar dende a cociña”, tivo lugar esta tarde no auditorio de Forum Carballo. Foi unha clase maxistral impartida por dous cociñeiros con Estrela Michelín, o carballés Adrián Felípez e Javier Olleros, xerente do restaurante do Grove Culler de Pau; e unha profesora da Basque Culinary Center e blogueira gastronómica, Marta Fernández Guadaño.

Diante da cociña portátil que percorrerá o litoral da comarca, e tomando como fío conductor a presentación das receitas “Muxo, caldo das súas espiñas asadas”, “Esferificacións de berberecho da ría” e “Vexetais de litoral”, os tres levaron a cabo unha actividade de divulgación de boas prácticas, mellora competitiva e innovación no sector da hostalería. Pola súa parte, Fernández centrouse en explicar tendencias xa latentes e demandas futuras dos turistas e visitantes de xeito que os hostaleiros locais poidan ter unha visión de conxunto e preparse para futuras necesidades.

16 de xuño de 2014 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.