O F.C. Rápido de Bahía organiza o X Trofeo Alevín ‘Aldán Cup 2014’
O F.C. Rápido de Bahía organiza o X Trofeo Alevín ‘Aldán Cup’ de fútbol 8 que terá lugar este sábado a partir das 10.00 horas no campo de fútbol de ‘San Amaro’. Este mércores foi presentado o evento na Casa da Xuventude nun acto no que estiveron presentes o concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño, o presidente do club José Carlos Bacelar e o coordinador Luís Rial.
O edil de Deportes destacou que con este evento Cangas vivirá un auténtico fin de semana de fútbol así como reiterou a vontade do Concello e da Fundación Cangas Deporte de apoiar a realización deste tipo de eventos.
Bacelar explicou o torneo estará disputado por 12 equipos divididos en dous grupos. O grupo A composto polo R.Bahía, Beluso, A Seca, S. Mariña, Celanova, R.C. Celta e o grupo B cos equipos Bueu, Moañesa, Areosa, A.J. Lerez, Coruxo e Portero 2000.
Os partidos terán unha duración 20 minutos de tempo corrido. Despois da fase de grupos celebraranse os cuartos de final, as semifinais e a final ás 20.00 horas que constará de dúas partes de 15 minutos. Ademais de premios para os tres primeiros haberá medallas para todos os participantes. A organización tamén facilitará comida e bebida. Bacelar sinalou que “o que buscamos dende o club é a calidade”, “invitamos aos equipos do concello e da bisbarra porque son nestes torneos dos que saen os grandes xogadores” recalcou.











