O exedil lucense José Piñeiro rexeita declarar ata saber de que se lle acusa
O exconcelleiro socialista de Lugo José Piñeiro acudiu este venres a comparecer en calidade de imputado ante a xuíza instrutora da ‘Operación Pokémon’, Pilar de Lara Cifuentes, pero declinou declarar ata saber de que se lle acusa. Non obstante, precisou que non ten “nada que ocultar”.
Piñeiro sinalou, tras manifestar que acudía “tranquilo”, que non tiña “absolutamente nada que ocultar” e afirmou que descoñecía o motivo da imputación.
“Acollinme ao meu dereito a non declarar”, afirmou aos medios, para engadir que “non saber de que se che acusa crea indefensión”. Por iso, engadiu que cando se levante o segredo de sumario e coñeza a acusación acudirá “voluntariamente” a declarar. “Non fixen nada malo”, recalcou, para engadir que se atopa “tranquilo” e non ten “nada que ocultar”.
Para as 10,00 horas deste venres tamén fora citado o empresario de Lugo Manuel Santiso e catro enxeñeiros do Concello de Lugo, todos eles en calidade de imputados.
As citacións deste venres estaban previstas inicialmente para o pasado día 17, pero foron modificadas a petición da representación procesual de Manuel Santiso.











