O espírito dos festexos do San Fermín invadirán a Ludoteca de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O vindeiro 07 de xullo, o servizo da Ludoteca de Verán – Campamento Urbano do Concello de Verín organiza, con motivo da festividade en honra a San Fermín, unha xornada de xogos para o máis dun centenar de nenos/as integrantes deste servizo de conciliación e coeducación.

Durante o Xogo de San Fermín, os/as monitoras/es do servizo non só lles explicarán aos/ás menores a historia desta festa senón que programarán unha representación teatral que amose o tradicional “chupinazo”. Ademais no mesmo, no que os/as nenos/as teñen que ir vestidos de branco e cunha pañoleta vermella, terá lugar a realización de sete probas lúdico-educativas relacionadas con San Fermín e un “encerro” cun toro que será o que se escape dos/as menores e non ao revés.

Esta iniciativa é unha das realizadas no servizo da Ludoteca de Verán, destinado conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, xogos cooperativos e de convivencia en tolerancia e interculturais, animación á lectura e contacontos, piscina, piragüismo, rutas de sendeirismo, novas tecnoloxías ou cine infantil serán algunhas das actividades nas que poderán participar os cativos/as. Ademais, durante os meses de xullo e agosto programaranse iniciativas adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe, ambiente, deporte, alimentación, saúde ou persoas maiores; celebrarase a actividade “Ponlle as pilas ao teu Bocata”, “Día de Galicia”, visita ao Parque de Bombeiros e as instalacións da Policía Local, obradoiros coa Cruz Vermella, Educamóbil e o desfile da Ludobatucada, no que eles/as mesmos/as realizarán os seus disfraces.

27 de xuño de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.