O Eixo Atlántico impulsa a redacción da Axenda Urbana que permitirá optar aos fondos europeos de 2014-2020
O alcalde da Coruña e presidente do Eixo Atlántico, Carlos Negreira, asistiu esta mañá á Comisión Executiva desta entidade que, na actualidade, agrupa a 34 cidades de Galicia e o norte de Portugal. No encontro de hoxe aprobouse a redacción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, que se deseñará en consonancia coas directrices marcadas na Axenda Urbana Europea 2014-2020 para aproveitar mellor as oportunidades que ofrecen os fondos europeos.
A Comisión Executiva do Eixo Atlántico celebrada en Matosinhos (Portugal) adoptou unha serie de decisións que permiten avanzar no desenvolvemento e consolidación da gran área que conforman as 34 cidades -cun total de 7 millóns de habitantes- que están integradas nesta entidade transfronteiriza que une Galicia co norte de Portugal.
O principal acordo que se aprobou na reunión de hoxe, á que asistiu o alcalde coruñés e presidente do Eixo Atlántico acompañado polo tenente de alcalde Martín Fernández Prado, é a posta en marcha da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, un documento aberto cuxo obxectivo é definir o rol que as cidades deben xogar no desenvolvemento urbano intelixente, sustentable e integrador no século XXI. Este texto permitirá aliñar mellor as estratexias e políticas municipais das cidades do Eixo Atlántico con respecto ao resto de urbes da Unión Europea (UE) e, por tanto, axustarse dunha maneira máis clara e concisa aos criterios que establece a UE para optar aos fondos europeos do período 2014-2020 para plans de mobilidade, sustentabilidade, innovación e inclusión social. Dentro do proxecto Eurorrexión 2020 para contar con cidades máis activas, competitivas e líderes, o Eixo Atlántico traballa en tres grandes eixos de actuación:
– Crecemento sustentable. A través da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo desenvolveranse proxectos entre Galicia e Portugal. Neste apartado atópase, por exemplo, a III Maratón Atlántica Coruña42, celebrada o pasado mes de abril e que se promocionou como evento sustentable (con accións de prevención, reutilización e reciclaxe de residuos, así como de comunicación da sustentabilidade).
– Crecemento innovador. O Eixo Atlántico continuará co desenvolvemento da Axenda Local 21 e coa estratexia de Smart City, onde A Coruña ten un papel protagonista.
– Crecemento inclusivo. A eurorrexión coincide co Concello coruñés na necesidade de fomentar accións vinculadas ao ámbito social e cultural e á promoción do turismo.
Na Comisión Executiva do Eixo Atlántico tamén se aprobaron outra serie de iniciativas que evidencian o compromiso existente para a elaboración e posta en marcha de medidas que impulsen a rexión de Galicia-Norte de Portugal. En concreto, deuse conta da posta en marcha do tren denominado Celta, que permitirá acurtar as distancias e fomentar o transporte ferroviario entre O Porto-Vigo-A Coruña-Ferrol. Ademais, decidiuse que a edición dos Xogos do Eixo Atlántico de 2015 celébrese no consorcio que conforman O Porto, Matosinhos e Vila Nova de Gaia; e deuse o visto e prace á incorporación ao Eixo Atlántico das deputacións da Coruña e Lugo e do municipio de Maia, unha decisión que deberá ser agora ratificada pola Asemblea Xeral.











