O dispositivo de San Juan na Coruña contará con 366 efectivos e cun sistema de vídeo-vixilancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, mantivo unha reunión de traballo coa Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán para revisar o dispositivode seguridade e emerxencias, que duplicou o número de persoas e os recursos materiais ao servizo dos cidadáns na noite de San Xoán e “que este ano contará coa novidade dun dispositivo de vídeo-vixilancia para apoiar o labor dos efectivos de emerxencias e detectar, da forma máis rápida posible e en tempo real, calquera incidencia que necesite a intervención deste servizo”, trasladoulles o concelleiro.

Flores lembrou que o dispositivo contará con 366 efectivos, os mesmos que en 2013, e 92 máis que en 2012, e os mesmos medios de seguridade e atención de emerxencias que o ano pasado, que inclúen 2 hospitais de campaña, 1 posto sanitario de Protección Civil na zona do Orzán, 2 postos do servizo de socorrismo de praias (cunha moto acuática), 2 postos de atención sanitaria inicial de Cruz Vermella (un en cada praia), 13 ambulancias atendidas por Protección Civil, Cruz Vermella e o 061; 8 vehículos de Bombeiros e patrullas móbiles da Policía Local e da Policía Nacional.

Ademais, o tenente de alcalde explicou que se desenvolveu un programa educativo en centros escolares sobre consellos de seguridade e ambientais no que participaron 5.800 persoas, entre profesores, alumnos e persoal non docente, o dobre que en 2013, que se reforzará coa instalación de paneis informativos nos accesos ás praias, carteis nos farois do paseo marítimo.

Así, Julio Flores destacou que o Goberno local organizou este dispositivo tendo en conta a previsión dunha afluencia de público similar á do ano pasado, cando se reuniron 140.000 persoas nas praias coruñesas ao ser festivo o día de San Xoán, como este ano, así como polo incremento do número de actividades de festas e lecer que se organizaron; e tamén tendo en conta as mareas. “É moi importante que os cidadáns teñan en conta que a hora da baixamar é ás 20.40 horas e a de pleamar é ás 02.55 horas da madrugada, ao fin de organizar a súa actividade nas praias”, sinalou.

Flores informou que se establecerá un dispositivo de control do tráfico de vehículos e de peóns; control de baixada de materiais á praia; e control de fogueiras, sardiñadas e grelladas nos barrios. “Estará formado por 30 policías locais que comezarán a súa tarefa ás 16.00 horas e cortarán o tráfico no paseo marítimo na zona de Riazor – Orzán – Matadoiro ás 19.00 horas” indicou, e continuou “á mañá seguinte abrirase totalmente o tráfico ás 10.00 horas”.

Haberá outro dispositivo centrado nos labores de seguridade e emerxencias, onde participarán outros 119 policías locais (76 na quenda de noite e 43 no de mañá), 40 policías nacionais, 40 bombeiros (incluíndo a Unidade de Rescate en Litoral), 33 membros de Protección Civil, 6 do Servizo de Socorrismo (incluíndo 1 médico e 1 DUE) e 42 persoas de Cruz Vermella (incluíndo 1 médico e un DUE).

O tenente de alcalde explicou que este dispositivo estará coordinado desde o Centro Móbil de Coordinación situado na Coraza, operativo desde as 18.00 horas. Ademais, este ano contará coa novidade dun dispositivo de vídeo-vixilancia para apoiar o labor dos efectivos de emerxencias e seguridade, que consistirá nun Centro de Control Móbil de vídeo – vixilancia con dous cámaras na parte superior do vehículo -e que estará situado na Coraza- e o despregamento doutras 10 cámaras portátiles que se situarán en puntos fixos do paseo marítimo -nos farois- entre as Escravas e o Matadoiro. “Trátase dunha ferramenta máis para lograr que o San Xoán sexa unha festa segura para todos”, finalizou.

12 de xuño de 2014 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.