O Crossroads of Europe deixa un retorno económico de máis de 300.000 euros en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, fixo balance esta mañá dos resultados do 5º Congreso de Turismo Industrial e 3º Crossroads of Europe que se celebrou na cidade durante a pasada semana. O rexedor municipal estivo acompañado polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso, ao que agradeceu “o seu apoio fundamental para que a Comisión Europea escollera á nosa cidade como sede deste evento internacional e que resultara todo un éxito”, manifestou o alcalde ferrolán.

Jose Manuel Rey cifrou en máis de 300.000 euros o retorno económico na cidade que tivo este simposio internacional, que contou coa participación de 390 persoas procedentes de 23 países. Así, atendendo a datos facilitados pola organización, o alcalde destacou que cada congresista fixo un gasto medio diario superior aos 200 euros, o que supón unha contía económica catro veces maior ao gasto medio do turista vacacional. Ademais, Jose Manuel Rey salientou que durante os catro días de celebración do congreso, a ocupación hoteleira superou o 90% mentres que restaurantes, comercios e establecementos tamén tiveron un aumento de clientes. O rexedor municipal lembrou o amplo programa de visitas culturais que se desenvolveron durante o congreso: Ruta da Construción Naval, percorridos en lancha, visitas guiadas aos barrios da Magdalena e ás Meninas de Canido e Exponav, entre outras.

Aposta polo turismo

“Creo que aproveitamos a ocasión que nos brindaron para mostrar a toda Europa a potencionalidade de Ferrol en todo o referido ao turismo industrial” engadiu. O primeiro edil da cidade sinalou a importancia do 5º Congreso de Turismo Industrial e 3º Crossroads of Europe para o posicionamento de Ferrol en materia turística “o encontro afianza a Marca Ferrol como destino e estamos contribuíndo a poñer a nosa cidade no mapa turístico”.

Ademais, Jose Manuel Rey reiterou a aposta do Goberno Municipal polo sector turístico “coa posta en marcha do distintivo SICTED, a consecución de declaración das Pepitas como Festa de Interese Turístico de Galicia ou da declaración da Semana Santa Ferrolá como Festa de Interese Turístico Internacional, ademais do posicionamento internacional da Ruta da Construción Naval”.

23 de xuño de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.