O conservatorio e a escola de música de Cangas pechan a temporada co concerto de fin de curso
Esta tarde o Auditorio Municipal de Cangas acolleu a celebración do “Concerto de fin de Curso” dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música “Mestre Inocentes Camaño” e do Conservatorio Profesional de Música, poñendo así punto e final e nove meses de intenso traballo.
Durante o concerto os integrantes de ambas institucións musicais deleitaron ao público coa súa interpretación en directo de temas coma “Bacause the night” e “Love me again” por parte dos membros do Combo, “Tócome a cara” interpretada polos cativos de Música e Movemento de 4 e 5 anos, “Yardbird Suit” por conta da Big Band, “Los esqueletos” a mans dos alumnos e alumnas de Música e Movemento de 6 e 7 anos, “Misión imposible” e “Mambo number five” polo Grupo de Vento Madeira ou “Wade in the water” e “Hijo de la Luna” que foron interpretadas polo Grupo de Linguaxe Musical do Conservatorio.
Pola súa parte os membros do Coro ofreceron aos asistentes a súa interpretación de “Vois sur ton chemin” e “Memorias de una vieja canción”. A Orquestra de Corda interpretou “Suite of the day” e como punto e final a Orquestra tocou “Slave children´s crusade” e “Suite sinfónica sobre O Príncipe de Exipto”.
O concelleiro de Cultura José Luis Gestido quere destacar a calidade do traballo realizado tanto polos alumnos e alumnas do Conservatorio e a Escola de Música coma polos seus mestres e felicitalos polas súas actuacións.











