O Conservatorio de Verín remata o prazo de inscrición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O xoves día 12 o Conservatorio Elemental de Música de Verín pecha o prazo para a admisión de alumnado que queira comezar os estudos oficiais de música. A admisión, por esixencias lexislativas, é exclusivamente para nenos nacidos entre os anos 2006 e 2000, ambos os dous incluídos. Os inscritos terán que pasar por unha proba de acceso que se celebrará o día 16 xuño. Para esa proba non son necesarios coñecementos de linguaxe musical nin de práctica instrumental, xa que consistirá exclusivamente en exercicios de discriminación e memoria rítmica e tonal. Os trámites para participar na proba de acceso fanse na Casa do Concello (Negociado de Cultura) cubrindo un formulario gratuíto.

O Conservatorio Elemental de Música de Verín imparte os catro primeiros cursos oficiais das especialidades instrumentais declarinete, frauta, guitarra, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, viola e violín. O alumnado recibe catro horas de formación á semana: tres horas de clases colectivas (dúas horas de Linguaxe Musical e unha hora Educación Auditiva e Vocal); e unha hora á semana de clase individual (alumno/a e profesor/a sós nunha aula) na especialidade instrumental na que se forma o alumno.

Ademais dos cursos oficiais, o centro ofrece un Curso de Fundamentos Musicais, de formación non regrada, para nenos nacidos no ano 2007. Para complementar a formación lectiva, o centro organiza unha serie de audicións e concertos durante o curso, nos que o alumnado se educa como espectador activo e aprende a actuar. A música, linguaxe non verbal de gran valor cultural, ademais de aspectos artísticos, desenvolve a atención, observación, concentración, memorización, experimentación e creatividade; incidindo en capacidades intelectuais, socioafectivas, psicomotrices e de formación de hábitos.

O Conservatorio Elemental de Música de Verín ofrécelle ás persoas da comarca de Verín a posibilidade de desenvolver gradualmente a formación musical durante un período de catro anos lectivos.

 

9 de xuño de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.