O conselleiro de Educación visita o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Visita do conselleiro áo Centro de Educación Especial Príncipe Felipe

Visita do conselleiro áo Centro de Educación Especial Príncipe Felipe

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria , Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá en Pontevedra o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe, no que estudan 57 alumnas e alumnos, onde abordou co equipo directivo e os membros da comunidade educativa as necesidades do centro de cara ao vindeiro curso escolar.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reiterou o compromiso do seu departamento coa atención á diversidade “na procura dunha escola inclusiva na que primen os valores do respecto á diferenza e do traballo conxunto en prol dun fin común, que é conseguir sacar o mellor de cada un das alumnas e alumnos, en base ás súas capacidades e necesidades particulares”. Neste sentido o conselleiro agradeceu o labor do profesorado, especialmente no caso dos centros de educación especial, “que demostra unha clara vocación docente e unha forte implicación neste camiño que todos percorremos xuntos en prol dunha sociedade mellor, diversa e inclusiva ao tempo”.

Vázquez Abad lembrou ademais que o seu departamento ten achegado desde 2009 máis de 253.300 euros para os diferentes gastos que o centro presenta no seu funcionamento, así como para a biblioteca escolar. Así mesmo, a Consellería achega máis de 10.000 euros ao ano para o desenvolvemento do servizo de comedor do centro.

Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán; polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís, polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

16 de xuño de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.