O conselleiro de Educación asistiu ao acto de graduación da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo
O titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no acto de graduación da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo da derradeira titulación de enxeñeiro industrial, da I promoción das seis de grao de Enxeñería Industrial e dos diferentes mestrados da escola. No Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo e déronse cita 136 alumnos da primeira promoción das seis titulacións de grao de Enxeñería Industrial, nos que están incluídos 12 pertencentes aos cursos de adaptación; 174 da última titulación de enxeñeiro industrial e 100 alumnas e alumnos dos distintintos mestrados da escola.
Xesús Vázquez Abad dirixiuse aos asistentes para os felicitar pola finalización da súa traxectoria académica cunha sólida formación teórica e práctica, ao tempo que os emprazou a “ter a excelencia como horizonte e a internacionalización como vía para acadalo”. Centrou o foco de atención na nova etapa que se abre para os recén egresados, na excelencia dunha titulación que se consolida como “un referente no Sistema Universitario de Galicia” e que ten –afirmou o conselleiro- “a investigación, o desenvolvemento e a transferencia, piares do Espazo Europeo de Educación Superior, como actividades plenamente asentadas”.
O titular de Cultura e Educacion salientou na súa intervención que esta Escola creada na zona máis industrializada de Galicia, se constitúe a día de hoxe “como o maior centro universitario da nosa comunidade, con máis de catro mil estudantes matriculados, tras a recente fusión de Enxeñería Industrial e Enxeñería Técnica Industrial”, e que ven a satisfacer as demandas de especialización do mercado de traballo cada vez máis esixente e globalizado.
Finalmente rematou do seu discurso gabando o traballo realizado polo equipo docente e polo persoal da administración e servizos, non só pola transmisión de coñecementos senón tamén “polos valores e preceptos éticos dos que non deberán separarse”.
No acto de graduación tamén interviñeron o reitor e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e Ernesto Pedrosa, respectivamente; o alcalde da cidade, Abel Caballero; ademais do Decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Vigo, Jorge Cerqueiro e o vicedecano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Constantino García.
O evento rematou coa intervención da subdirectora de organización Docente-Sede Campus, Ana María Mejías.











