O Congreso Europeo e a ruta naval consolidan a cidade de Ferrol como novo destino do turismo industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Turismo Industrial e o mar”, “o turismo como motor do cambio industrial”, e “o patrimonio industrial, e “o turismo: unha visión do futuro” son os títulos dos paneis de expertos ao redor dos cales xirou hoxe a terceira edición do Crossroads of Europe e quinta do Congreso Europeo de Turismo Industrial que se celebra en Ferrol.

Entre os relatores desta segunda xornada de traballo estivo a secretaria xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, que realizou un percorrido pola oferta galega en turismo industrial facendo mención especial na ruta da construción naval de Ferrol como exemplo, dixo, “dun caso de éxito único en España e en Europa, cun porto da Ilustración en perfecto estado de conservación”.

A xornada, centrada en conferencias e encontros de traballo no Teatro Jofre, contou con máis relatores de prestixio, como Peter Janech, asesor para Europa da OMT, ou Pedro Ortún, director xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea. Ambos os dous coincidiron en apuntar a importancia das novas tecnoloxías para dar a coñecer este novo segmento do turismo no que Ferrol se sitúa como destino visionario e pioneiro.

Non faltaron casos prácticos, como o exposto por Pascal Freneau, director de comunicación do porto francés de Nantes, quen manifestou a importancia da formación neste segmento, tanto dos profesionais do sector como dos viaxeiros. Richard Keen, presidente do consello galés de edificios históricos, lembrou a importancia de xerar historias ao redor de todos os produtos turísticos.

O Congreso, que continuará ata o vindeiro venres, confirmouse como unha cita clave no calendario de eventos de Galicia, organizada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Dirección Xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, a Asemblea das Cámaras de Comercio e Industria francesas (CCI FRANCE) e a Cámara de Comercio e Industria de Toledo.

Acreditáronse máis de 400 persoas chegadas desde todos os recunchos de Europa, con 23 países representados. E participan 59 relatores cuxas intervencións se repartirán ao longo dunha semana intensa co turismo industrial e cultural como protagonistas”.

Os paneis de expertos deseñáronse tendo en conta uno dos obxectivos principais da cita: dar voz a todos os axentes que participan neste segmento, concienciar sobre o potencial dunha nova forma de turismo e facer posible que o turismo industrial e cultural se consoliden como unha realidade xeradora de riqueza e mostrar á vez experiencias de éxito que axuden a desenvolver novos proxectos.

O congreso continuará mañá con 10 paneis de traballo centrados en asuntos chave para a análise das necesidades do turismo industrial e cultural. Así, abordaranse debates acerca da imaxe, promoción e comercialización de destinos turísticos; a revalorización da paisaxe industrial; ou a importancia da formación neste segmento.

Non faltarán tampouco temas cun matiz máis administrativo como a mesa dedicada ao financiamento e programas estratéxicos da UE con respecto a este tipo de turismo ou á planificación e xestión dos proxectos de turismo industrial. Á fronte de cada un dos paneis de traballo, haberá expertos relatores procedentes de distintas institucións europeas, así como da universidade, da administración e de empresas privadas de toda Europa.

O evento diríxese a todas as persoas interesadas en descubrir as rutas culturais europeas como nova forma de facer turismo, destacando especialmente o turismo industrial.

Como complemento aos relatorios e co fin de de que o evento incorpore un carácter práctico, realizáronse varias visitas culturais coa industria e o patrimonio como protagonistas. Todas elas completaron as prazas ofertadas.

19 de xuño de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.