O concerto de La Unión abrirá as celebración de San Xoán en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O grupo La Unión abrirá as celebración de San Xoán na praia da Concha cun concerto gratuito que comezará ás dez da noite. Chegada a media noite, prenderase lume á cachada organizada polo Concello.

O Concello organiza o concerto con este mítico grupo do pop español co obxectivo de aportar un atractivo máis á arraigada festa do rito do lume.

A banda liderada por Rafa Sánchez quentará o ambiente ata chegar ao fío da media noite, hora meiga na que, por tradición, se deben prender as fogueiras purificadoras. As meigas e espíritos que, segundo as lendas, acoden saen esta noite, contará nesta ocasión ca compaña do famoso lobishome que volverá a invocar os integrantes de La Unión co popular éxito Lobo Hombre en París, que os fixo saltar á fama a principios da década dos 80.

A Concellería de Cultura optou pola “La Unión” para este primeiro concerto da Noite de San Xoán por tratarse dun grupo coñecido por público de diferentes xeracións, cunha longa traxectoria chea de éxitos e porque este ano celebra os seus 30 anos sobre os escenarios cunha xira especial que leva por título “Hip-Gnosis”.

La Unión son Rafa Sánchez, Luis Bolín e Mario Martínez. O grupo formouse no ano 1984. Dende entón teñen vendido máis de 2 millóns de discos, contan no seu haber con catro discos de ouro, 2 de platino, 4 multiplatino e no ano 2006 recibiron un dobre disco de diamante pola súa carreira discográfica.

Saltaron á fama co fulgurante éxito do Lobo Hombre en París, tema que foi númeo 1 en ventas durante nove semanas consecutivas e do que venderon 200.000 singles. Ademais do que se pode dicir que é o himno da banda, La Unión interpretará no concerto de Vilagarcía outros éxitos da súa longa carreira musical como Sildavia, ¿Dónde estábais?, Ella en un volcán, San Francisco, De aquí a allá, Altos y frondosos, Más y más, Fueron los celos, Entre flores raras ou Con las manos vacías.

Rematado o concerto o prenderase a cachada e o público poderá continuar co rito do lume na noite de San Xoán para continuar a festa e a tradición de saltar as lapas, mantendo, por descontado, as necesarias precaucións e cumprindo as normas de seguridade para cada caso. Pola súa banda, o Concello realizará o dispositivo especial de Control e Emerxencias que soe organizar a noite de San Xoán, ao que se engadirá este ano as medidas precisas para a concentración de persoas en eventos como concertos ao aire libre.

21 de xuño de 2014 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.