O Concello do Carballiño informa sobre o uso das bicicletas na rúa Principal
Unha das queixas que máis se repiten no Carballiño, e sobre todo en canto chega o bo tempo, é a circulación de bicicletas pola rúa principal, mesturadas cos peóns que circulan pola mesma, ao tratarse dunha vía sen tráfico.
Desde o concello buscáronse solucións a este problema pero agora a nova normativa de tráfico impide tomar maiores medidas que as de evitar que estes vehículos circulen a maior velocidade da permitida. E é que as bicicletas xa poden circular por beirarrúas e zonas peonís, sempre que o fagan de forma coidadosa e amodo, para ofrecer maior seguridade aos peóns, sobre todo nenos e persoas maiores.
O responsable de tráfico do concello do Carballiño xa sinalou que, ao permitirse o tráfico deses vehículos pola rúa peonil, o que van intensificar é a vixilancia para que o fagan a velocidades mínimas.
Para vixiar que se cumpra esta normativa contarase coa axuda dos auxiliares de Policía Local, que un verán máis serán contratados polo concello, precisamente para axudar aos axentes na época na que a poboación carballiñesa duplícase e mesmo, en datas puntuais, chega case a triplicarse.











