O Concello de Vilagarcía reabre ao tráfico o paso entre as rúas Luchana e Mariña en Carril
Persoal de Obras, acompañado pola Policía Local, procedeu esta mañá á retirada do valado que cortaba a circulación entre as Rúas Luchana e Mariña, de Carril, con motivo da realización de obras de acondicionamento dun edificio catalogado. A reapertura da rúa ao tráfico execútase en cumprimento do acordo adoptado pola Xunta Local de Goberno o pasado 23 de maio, despois de analizar os informes solicitados aos departamentos de Policía, Urbanismo e Rendas.
O Concello levaba varias semanas tratando de resolver a problemática que supoñía a prolongada ocupación da vía pública por parte desta obra privada, iniciada en outubro de 2013. Aínda que os traballos dispoñen de licencia municipal e a empresa solicitou o pertinente permiso para a instalación da andamiaxe e elementos de protección correspondentes, fixo que o Concello tomase cartas no asunto solicitando unha inspección policial e a realización de informes aos servizos de Urbanismo, e Rendas. A Ordenanza Municipal de Tráfico prevé a revogación de autorizacións para instalación de andamios ou cortes de rúa “por causas motivadas relativas ao tráfico ou circunstancias da vía”, segundo recollen os artigos 65 e 66, no seu punto 8.
Por outro lado, dada a necesidade de que a propiedade remate as obras precisas para permitir a conservación do edificio incluído no Catálogo municipal de bens a protexer e garantir a seguridade dos transeúntes, tal e como o Concello requiriu á propiedade en numerosas ocasións, o departamento de Urbanismo volveu a contactar co director da obra para instarlle a que se retomen os traballos e se rematen coa maior brevidade. Tamén se lle ordenou revisar as condicións de seguridade da andamiaxe, xa que o elemento deberá permanecer ata que se conclúa a obra.
Ata o de agora, os traballos realizados no inmoble consistiron na retirada da cuberta e baleirado da mesma, pero aínda están pendentes outras actuacións para asegurar os elementos da fachada.











