O Concello de Vilagarcía propón á mesa local do comercio un manifesto en defensa do pequeno comercio
O alcalde, Tomás Fole, en calidade de presidente da Mesa Local do Comercio convocou para o luns, 23 de xuño, unha reunión deste órgano de carácter consultivo do que forman parte os axentes representativos do comercio da cidade. O goberno proporá á Mesa aprobar por consenso un manifesto en defensa do pequeno comercio.
Para avanzar neste punto, o alcalde eleva á Mesa un borrador do manifesto, documento que será debatido e consensuado durante a sesión coas achegas e propostas que presenten os membros do órgano consultivo.
A Mesa Local do Comercio reunirase o vindeiro luns, a partir das 13:30 horas no Concello. Ademais da aprobación da acta da sesión anterior, a orde do día inclúe a probación do informe sobre a proposta de Zona Aberta para a celebración a feira de oportunidades “Expoferta” os días 8, 9 e 10 de agosto na explanada do Auditorio.
A sesión remata coa quenda de rogos e preguntas.
O alcalde, Tomás Fole, preside á Mesa Local do Comercio da que forman parte como vogais os representantes do Centro Comercial Aberto Zona Aberta, da asociación de praceiros da Praza de Abastos, do Centro Comercial Arousa, e da Asociación de Consumidoras e Amas de Casa o Noso Lar. Pola parte política, tamén participan en calidade de vogais, o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Tarrío, e os representantes de PSOE e BNG, así como un representante da Consellería de Industria e Comercio.
Órgano consultivo
A Mesa Local de Comercio de Vilagarcía creouse en 2012 como un órgano sectorial de carácter consultivo promovido polo Concello. Actúa como un órgano colexiado de participación, coordinación cooperación e colaboración entre a Administración Local e os axentes representativos do sector comercial. Entre as súas funcións figuran o coñecemento e emisión de informes sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral que afecten ao sector comercial; propor o establecemento de relacións e colaboracións con outras Administracións e ou/institucións; analizar a situación do comercio e os plans de dinamización comercial; propor medidas e iniciativas que se consideren convenientes para o desenvolvemento e avance do sector comercial e opinar sobre actuacións que afecten ao urbanismo comercial.











