O Concello de Vilagarcía pide 16 socorristas para a atención das praias durante o verán
O Concello solicitará a través do Plan de Cooperación da Xunta a concesión de financiamento para a contratación de 16 socorristas para a atención das praias do municipio durante a temporada de verán. Aínda que Vilagarcía xa prestara o ano pasado servizo de socorrismo nas tres praias do municipio, este ano, ao contar unha bandeira azul máis (dúas en total) preténdense ampliar os efectivos para cubrir os tres areais.
A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión desta mañá a solicitude de axudas a través do Plan de Cooperación 2014 convocadas hai uns días. Na proposta pídese a contratación de 4 socorristas máis que a temporada pasada debido a que Vilagarcía disporá este verán bandeiras azuis nas praias de Preguntoiro (Vilaxoán) e O Campanario (Bamio) e, como xa aconteceu en 2013, disporase de servizo de vixilancia e salvamento nestes areais máis no da Concha-Compostela que é o máis grande e ao que acode un número superior de bañistas. Esta é a circunstancia pola que o Concello quere reforzar o servizo con máis efectivos.
Tan pronto como a Xunta resolva a convocatoria das axudas, porase en marcha o proceso de selección de persoal que se realizará a través do Servizo Público de Emprego coas persoas inscritas nas listas de parados que reúnan os requisitos de titulación esixidos. A selección realizarase, como o ano pasado, a través do sistema de concurso-oposición no que os aspirantes deberán superar tanto probas físicas como teóricas.











