O Concello de Ourense avanza na adxudicación da rehabilitación do firme da Avenida da Habana e Ramón Cabanillas
O proxecto de rehabilitación do firme en senllos tramos da Avenida da Habana (comprendido entre Curros Enríquez e a Praza de Concepción e Arenal), e da rúa Ramón Cabanillas (entre Bedoia e a Avenida da Habana) deu un paso adiante esta mañá. A Xunta de Goberno Local aprobou a ordenación das ofertas das 6 empresas que concurriron á convocatoria realizada polo Concello para adxudicar estes traballos, resultando a máis económica para o Concello a realizada pola empresa FEVISA, Vías y Obras, S.L, por un importe de 88.330 euros.
Por este motivo, a Xunta de Goberno acordou esta mañá requirir á empresa a que presente a documentación necesaria para proceder á adxudicación da execución das obras, que teñen un prazo de execución dun mes, cun prazo de garantía de 12 meses. O proxecto, redactado polo Servizo de Enxeñería Municipal, tamén inclúe a realización de melloras puntuais do firme nas rúas Prado de Lonia, Xoán XXIII, Concello e Curros Enríquez.
Na Avenida da Habana (tramo comprendido entre Curros Enríquez e Praza de Concepción Arenal) e na rúa Ramón Cabanillas (entre Bedoia e Habana), o pavimento está composto por unha capa de rodadura de adoquín granítico que se atopa en servizo dende hai máis de 15 anos.
Presenta na actualidade deficiencias que afectan á seguridade da circulación, á comodidade do usuario e á durabilidade do pavimento. Para corrixir as deficiencias observadas, plantéxase unha solución de rehabilitación de firme con recrecemento, solución que xa se adoptou no seu día para o primeiro tramo da Avenida da Habana rehabilitado, con moi bos resultados ata a data.
Na rúa Prado de Lonia, no seu primeiro tramo desde a estrada OU-536, é preciso acometer a reparación do firme na intersección coa rúa de acceso á Universidade, que fai precisa unha rehabilitación estructural desta zona do pavimento, que se incluirá nestas obras.
Pola súa banda, nas rúas Xoán XXIII, Concello (fronte á Subdelegación de Goberno) e Curros Enríquez, as paradas de autobús e zonas de carga e descarga, que foran executadas con pavimento de adoquín, teñen un mal estado de conservación, como consecuencia das accións do tráfico.
Así, repararanse estas zonas, tanto as paradas de autobuses coma as zonas de estacionamento, levantando o pavimento de taco existente, e reconstruindo a sección cun pavimento flexible.
La Molinera
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou contratar a dirección, a dirección de execución e a coordinación de seguridade e saúde das obras do proxecto modificado e de finalización das obras do Centro de Coñecemento La Molinera.
Concello con interese turístico
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local acordou tamén aprobar a adhesión do Concello de Ourense á Sección de Concellos con Intereses Turísticos creada na Federación Galega de Municipios e Provincias, na subsección de municipios con festas de interese turístico, e asumir as súas normas de funcionamento.
No mesmo acordo, faculta á concelleira de Turismo, Mónica Vázquez, para que represente ao Concello de Ourense na realización de todos os trámites precisos para formalizar esta adhesión e para que, na súa representación, actúe en calidade de membro da Sección.











