O Concello de Oroso esixe dous colexios cos mesmos servizos para evitar agravios ás familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso amosa a súa total disconformidade coa decisión unilateral da Xunta de Galicia, comunicada o pasado venres, de deixar ao novo colexio sen os servizos de comedor e de transporte, polo que esixe que conte cos mesmos servizos co actual CEIP de Sigüeiro. “Non queremos un colexio A e un colexio B, queremos dous centros iguais tal e como estaba previsto dende o principio”, explica o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, quen advirte que “aceptar o que pide a Xunta faría que as familias de Oroso tiveran que afrontar gastos moi diferentes segundo o seu neno estude no actual CEIP ou no novo, cando ambos están no núcleo urbano de Sigüeiro. Non podemos aceptar agravios comparativos entre os rapaces segundo o centro público no que estuden”.

Antonio Leira considera que “as medidas que nos propuxo a Xunta o pasado venres son totalmente inviables. A competencia dos comedores é da Xunta, non do Concello nin da asociación de pais. Nós mantivemos sempre os nosos compromisos e fomos respectuosos, pero non pode ser que cando vén o conselleiro a visitar as obras se fale do comedor e que un ano despois nos digan que non o teñen orzamentado”. Neste sentido, Leira Piñeiro insta á Xunta “a cumprir os seus compromisos tal e como o Concello de Oroso asume os seus”.

Neste sentido, o Concello de Oroso ten demostrado o seu compromiso con este proxecto, a pesar dos 6 anos de retraso que acumula dende a sinatura do convenio en decembro de 2008. Así, o Concello de Oroso cedeu os terreos de balde e ensanchou o vial de acceso por estrada. “E a Xunta pode estar segura de que imos cumprir cos nosos compromisos con ese colexio no tocante á súa limpeza, mantemento e todos aqueles servizos que sexan competencia municipal”, adianta Antonio Leira.

Apoio á ANPA

Por último, o Concello de Oroso manifesta o seu total apoio aos pais e nais do CEIP de Sigüeiro, que reunidos en asemblea acordaron convocar mobilizacións para esixir que o novo colexio conte cos mesmos servizos ca o actual. “Sempre estivemos en contacto tanto coa ANPA como co resto da comunidade educativa de Oroso, informándoos puntualmente de todo o que acontecía e tratando de dar resposta ás súas preocupacións”, explica Antonio Leira, “agora que decidiron mobilizarse a posición do Concello de Oroso seguirá sendo a de estar en todo momento a carón dos pais e nais do municipio, axudando en todo o que estea na nosa man”.

De feito, Antonio Leira reiteroulles este apoio hoxe mesmo, logo dun encontro cos representantes da ANPA A Nosa Escola na que lle trasladaron a convocatoria da primeira das mobilizacións para este venres 20 de xuño, ás 10:00 horas, diante do actual CEIP de Sigüeiro.

16 de xuño de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.