O Concello de Oleiros súmase á campaña dunha veciña contra o copago farmacéutico hospitalario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Unha veciña de Oleiros iniciou unha campaña a través da plataforma www.change.org co obxectivo de poñer freo ao decreto que quere implantar o copago farmacéutico hospitalario nos casos de enfermidades crónicas e graves.

Este decreto, que está previsto que se poña en marcha proximamente en Galicia, atenta, unha vez máis, contra as persoas máis vulnerables, aquelas con enfermidades crónicas graves ou as denominadas “raras”, aquelas que precisan pola súa enfermidade unha medicación moi específica e indispensable para poder recibir un tratamento e loitar contra a súa doenza e, en moitos casos, pola súa supervivencia.

O Concello de Oleiros firme defensor da sanidade pública apoia a campaña desta veciña e invita a todas as persoas que residen no concello a que coñezan o contido da petición e a apoien, por considerala de xusta e necesaria, xa que unha vez máis, as persoas máis vulnerables, neste caso por problemas de saúde, son o obxectivo das medidas de aforro ditadas polo goberno do Partido Popular.

As graves consecuencias que teñen este tipo de medidas obrigan á cidadanía a protestar e posicionarse en contra aos graves atentados que supoñen contra dereitos básicos como o son á saúde e a recibir o tratamento médico adecuado, o goberno municipal, como xa fixo en ocasións anteriores con outras mobilizacións similares apoia estas protestas en defensa do sistema sanitario público e gratuíto.

2 de xuño de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.