O Concello de Mos xa conta cun escudo oficial de deseño unificado

Novo escudo oficial de Mos
O Pleno ordinario do mes de maio do Concello de Mos aprobou o escudo oficial do municipio mosense, cuxo deseño adáptase ó da bandeira proposta pola Comisión Heráldica de Galicia e que xa fora aprobada polo Pleno do Concello no ano 2011.
Esta aprobación plenaria do escudo é motivo de “orgullo e ledicia para a nosa localidade”, declararon a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro; “xa que o municipio de Mos, cos seus costumes e xeitos de vida particulares, foi adquirindo unha singularidade e identidade propias conforme foi avanzando a historia, e agora esa identidade propia queda plasmada nos nosos escudo e bandeira oficiais”, explicaron as representantes municipais.
O obxectivo da oficialización do seu escudo é que o Concello de Mos teña un emblema que o diferencie do resto de municipios e que este teña un deseño unificado coa imaxe da bandeira.
Detalles do escudo
O escudo aprobado en Pleno é un escudo partido cunha parte en campo de ouro cunha rosa de gules tallada en sinople e outra de prata con tres faixas xaqueladas de catro ordes de gules e ouro, separadas cada dúas por un filete de sable e, ó timbre, coroa real pechada.
A rosa en campo de ouro está presente na simboloxía matricial e na sixilografía local desde o ano 1847 e representa a actividade agrícola, o cultivo ornamental e a vinculación do termo municipal de Mos co río Louro.
O xaquelado en campo de prata representa as armas dos Sotomayor, liñaxe señorial que desde o medievo exerceu unha grande influencia e da que descenderon distinguidas familias históricas establecidas na localidade mosense, coma é o caso da dos propios Marqueses de Mos.











