O Concello de Monforte recolleu preto de 6.500 quilos de plástico agrícola
Antonino Luaces, concelleiro de Medio Ambiente, informa que na recollida de plásticos agrícolas realizada o pasado martes día 27 de maio os labregos e gandeiros de Monforte desfixéronse dun total de 6.444 kg. deste material.
Respecto ó ano 2013, o volume total de recollida diminuíu en 3.500 kg. No ano 2013 recolléranse 9.980 kg. e no 2012, 7.800 kg.
O descenso no volume de recollida débese, segundo Antonino Luaces, a que a concienciación dos labregos e gandeiros é cada vez maior, acudindo con frecuencia ó punto limpo para desfacerse do plástico que acumulan sen agardar a que se produza a recollida polas parroquias.
Este servizo vense prestando de maneira continuada dende o ano 2008.
As datas elixidas para efectuar a recollida de plástico agrícola coinciden coas épocas nas que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes básicamente do ensilado de herba.
Dende a concellería de Medio Ambiente lémbrase que este tipo de plásticos non poden depositarse nos contenedores destinados a uso doméstico e que, no caso de resultar necesaria a súa eliminación deben achegarse ó punto limpo municipal os luns, mércores e venres en horario de 9:30 a 17:00 h.
Antonino Luaces agradece a colaboración dos labregos e gandeiros para eliminar correctamente este tipo de residuos, así como a dos pedáneos dándolle difusión a esta recollida.
O concelleiro destaca o elevado beneficio medioambiental que se logra coa recollida, sinalando que para darse conta do mesmo basta con imaxinar que sucedería con estas toneladas de plástico agrícola se o Concello non puxese en marcha esta iniciativa. Este tipo de residuos orixinan problemas medioambientais no caso de queimalos de maneira incontrolada ou se non son tratados ou almacenados axeitadamente. Entre estes problemas poderíamos destacar a contaminación dos solos e das augas superficiais e soterradas, ademais do impacto paisaxístico negativo.











