O Concello de Lugo estuda recorrer á Unidade Militar de Emerxencias se Urbaser non recolle o lixo das zonas de alerta sanitaria

Lixo acumulado nas rúas lucenses
O Concello de Lugo deu un prazo de dúas horas a Urbaser, empresa concesionaria da limpeza, para que inicie a recollida dos desperdicios acumulados nos 36 puntos de emerxencia sanitaria no nove días de folga ou recorrerá á Unidade Militar de Emerxencia.
No caso de que non se inicien os traballos, o Concello avisou este mércores que recorrerá aos servizos da Unidade Militar de Emerxencias para que realice eses traballos “porque a obrigación do goberno local é garantir a seguridade da cidadanía”, advertiu en rolda de prensa o portavoz municipal, Luís Álvarez.
Neste sentido, aclarou que o equipo de goberno xa iniciou conversacións coa Delegación do Goberno en Galicia para informar da posibilidade de que teña que intervir na capital lucense pola tarde.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno municipal, o portavoz socialista explicou que “vai saír do Concello un requirimento urxente a Urbaser dando un prazo de dúas horas para que se inicie a recollida do lixo, con servizos propios, nos puntos de alerta sanitaria, porque os efectivos de Tragsa non son suficientes”.
CADUCIDADE DA CONCESIÓN
Así mesmo, dixo que a Xunta de Goberno local aprobou de forma urxente o inicio dun expediente sancionador a Urbaser por unha infracción contractual “moi grave” por incumprir os servizos mínimos, cuxa contía oscilará entre os 6.010 e os 30.050 euros.
Nese requirimento infórmase á empresa de que se establece un prazo de cinco días para que cumpra os servizos mínimos, posto que, en caso contrario, iniciarase “un expediente de caducidade da concesión”.











