O Concello de Ferrol patrocina o campus Chiquibasquet 2014
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, informou hoxe da próxima celebración da novena edición do campus de baloncesto “Chiquibasquet 2014”, que se desenvolverá do 16 ao 21 de xuño no polideportivo de Esteiro. A edil estivo acompañada na presentación deste evento deportivo polos adxuntos de dirección do campus, Héctor Piñeiro e Carlos Vila.
A actividade está dirixida para nenos e nenas entre 5 e 18 anos e nesta nova edición, igual que nas anteriores, Chiqui Barros será o adestrador superior. O director técnico do campus conta cunha gran experiencia en equipos tanto femininos como masculinos e estará acompañado doutros adestradores e xogadores de distintas categorías. “Os obxectivos serán aprender a xogar e mellorar as habilidades do baloncesto así como fomentar a educación, a comunicación e a colaboración dos nenos a través deste deporte” , sinalou a edil ferrolá. Ademais, de maneira paralela ás sesións de baloncesto, desenvolveranse outras actividades, concursos e sorteos de agasallos entre os participantes.
Pola súa parte, os representantes da dirección do campus quixeron agradecer a colaboración da Concellería de Deportes. Entre os monitores e xogadores convidados que teñen xa confirmada a súa asistencia ao campus están: Antonio Pérez, Lucho Fernández, Fernando Buendía, Esther Montenegro e Alberto Rodríguez.











