O Concello de Ferrol atendeu 146 persoas a través do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá do balance do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de libre concorrencia e o servizo de Teleasistencia Domiciliaria durante o ano 2013 aos grupos municipais na comisión informativa da Área. Un total de 146 persoas beneficiáronse desta prestación de Axuda no Fogar na modalidade de libre concorrencia; e os fondos públicos destinados a sufragar este servizo ascenderon a un total de 353.226,68 euros.
Os beneficiarios por libre concorrencia son persoas maiores que non teñen recoñecida ou demandada a dependencia por parte da Xunta de Galicia pero que a través dun informe das traballadoras sociais municipais e cun ditame favorable da comisión de valoración técnica o Concello de Ferrol se encarga de prestar este servizo. A edil Rosa Martínez facilitou datos sobre diferentes valoracións do servizo. “O número de persoas usuarias que permanecen no seu domicilio sen precisar unha ampliación da axuda constitúe o 90% mentres que o grado de satisfacción do servizo de atención no fogar con respecto á mellora da calidade de vida do usuario é do 99%”, dixo a concelleira responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol. A media de horas mensuais de atención no fogar é de 2.220,24 e o prezo por hora medio ascende a 13,26 euros.
Este servizo de axuda no fogar permite a mellora da calidade de vidas das persoas usuarias posibilitando a permanencia no seu entorno habitual de convivencia; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio fogar; retardar ou evitar a institucionalización; atender situacións puntuais de crise persoal ou familiar que afecten á autonomía; e proporcionar períodos de descanso ao coidador ou coidadora habitual. Así mesmo, os beneficiarios serán persoas maiores de 65 anos que viven soas e precisan axuda para manter a permanencia na súa vivenda; as persoas maiores de 65 anos que non viven soas pero as súas familias precisan reforzo para garantir a permanencia da persoa maior no seu fogar; persoas con discapacidade con discapacidade física ou psíquica que precisan axuda; ou familias con déficits na atención a menores de carácter socioeducativo.
Teleasistencia domiciliaria
Martínez Beceiro tamén informou hoxe sobre a memoria anual do servizo de Teleasistencia domiciliaria que se realiza grazas ao convenio asinado entre o Concello de Ferrol e a Cruz Vermella. A Administración ferrolá achegou 26.100 euros para o funcionamento deste servizo. A contía mensual financiada pola Administración ferrolá é de 17 euros mentres que o usuario ten que pagar 5 euros, agás as persoas que teñen ingresos económicos inferiores ao IPREM que contan co financiamento total do custe do programa por usuario, que é de 22 euros ao mes.
Un total de 104 persoas foron atendidas durante o pasado ano e a media mensual é de 85 usuarios. “O 97% son persoas maiores, o 1% enfermos crónicos e o 2% persoas con discapacidade” engadiu a edil ferrolá. Esta prestación municipal rexistrou un total de 9.430 alarmas, das cales a maioría responden a chamadas realizadas polo servizo como actividade de seguimento e 1.065 de solicitudes de axuda.
O servizo municipal de Teleasistencia funciona 24 horas ao días os 365 días do ano e o seu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos usuarios. A concelleira Rosa Martínez explicou que os usuarios deste programa tamén desenvolven actividades complementarias “como as saídas culturais para fomentar a relación entre eles e o entorno o que permite a prevención á dependencia fomentando a autonomía persoal”.











