O Concello de Carballo xa conta co documento para a aprobación provisional no PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

O equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) remitiu esta semana o documento para a aprobación provisional do planeamento, que chegou o xoves 5 de xuño a última hora da mañá ás dependencias municipais. O plan recolle agora todas as incorporacións dos informes preceptivos emitidos pola Xunta de Galicia, incluído parte do de Patrimonio, que foi remitido o pasado mes de maio despois dunha espera de quince meses. Tamén reflicte o informe definitivo de alegacións, no que se recolle que se admitiron 1.027 total ou parcialmente, 912 foron desestimadas e se conclúe que 18 entraron fóra de prazo; así como as conclusións e suxestións arredor das reclamacións realizadas durante as 31 comisións de urbanismo celebradas despois de que rematase o período de exposición pública do PXOM. Así, os veciños e veciñas tanto da capital municipal como das parroquias tiveron a oportunidade de consultar as particularidades do planeamento e incluso de solucionar as súas dúbidas falando co equipo redactor.

Agora que o documento para aprobación provisional está perfilado, o Concello tenllo que remitir á Xunta para que se elabore a memoria medioambiental, un trámite que dura aproximadamente dous meses. A Concelleira de Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, espera que o documento se lle remita á Xunta xa o luns 9 de xuño. Ao mesmo tempo que a Xunta elabora a memoria medioambiental, convocarase unha Comisión informativa de Urbanismo para o venres 27 de xuño co obxectivo de que todos os grupos municipais comproben o informe de alegacións, que presenta pequenos cambios despois da revisión do equipo redactor, todos “necesariamente impostos pola normativa vixente”, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. E tamén para que coñezan de primeira man as modificacións derivadas dos informes emitidos pola Xunta. O obxectivo é axilizar todos os trámites para que duren o menos posible.

Coa inclusión das alegacións, o novo PXOM incrementa a edificabilidade residencial en arredor de 2.500 vivendas, aproximadamente; e tamén incrementa o número de novos asentamentos en 19. Así mesmo, o equipo redactor vén de incorporarlle ao documento a última cartografía actualizada do Concello. O documento para a aprobación provisional inclúe así mesmo a situación dos edificios fóra de ordenación, tanto no medio urbano, como no rural, e recolle todas as decisións adoptadas durante a celebración das comisións que se axustan á normativa vixente. O goberno espera que, se a Xunta remite a memoria medioambiental no prazo habitual de dous meses, o pleno estea en disposición de aprobar o documento para a aprobación provisional do PXOM despois do verán.

6 de xuño de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.