O Concello da Laracha destinará parte do remanente á mellora da rede viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno do Concello da Laracha, reunido hoxe en sesión extraordinaria, acordou –coa única abstención do grupo do PSOE- aprobar a proposta do grupo de goberno de suplementar o crédito inicialmente previsto nos orzamentos en cen mil euros para acometer actuacións de investimento en infraestruturas co obxectivo de mellorar a rede viaria municipal.

Os seis proxectos que se executarán consisten na renovación do pavimento en dúas rúas da capital municipal da Laracha (Rosalía de Castro e Silverio Moreda), e nas estradas Vista Alegre-Samiro, Areosa-Amboade (ambas na parroquia de Vilaño), O Xeixo-Gosende e acceso a Os Bidueiros (ambas en Soutullo).

Este suplemento de crédito financiarase con cargo a unha parte do remanente de tesourería que deixou a liquidación do exercicio económico 2013 (que ascendera a un total de 163.400 euros).

Nos próximos días iniciarase o proceso de contratación das obras previstas, que se acometerán durante o verán, aproveitando as condicións climatolóxicas serán favorables. O alcalde, José Manuel López Varela, adiantou á Corporación que nos próximos días está previsto iniciar a execución das obras contempladas nos plans provinciais POS e DTC-93, tamén referidas á mellora das estradas, ademais das actuacións que se desenvolva no marco do plan municipal de mantemento e conservación da rede viaria.

Bonificación no ICIO a Retegal

Cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e dos socialistas e a única abstención do grupo do BNG aprobouse aplicar unha bonificación no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) ao proxecto de instalación dunha antena de telecomunicacións no lugar de Fonte de Ouro, na parroquia de Montemaior, actuación que promove a Xunta de Galicia a través da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal).

Polas súas características e emprazamento, esta nova infraestrutura permitirá mellorar a cobertura de banda larga de internet en varias zonas das parroquias de Montemaior, Golmar e Soutullo.

A ordenanza fiscal número 17 establece que o tipo de gravame xeral do ICIO é do 2,5% do valor do proxecto, pero no artigo 6 regula posibilidade de aplicar unha bonificación no citado imposto municipal do 75% ás obras promovidas por unha administración pública para a implantación dun servizo de interese comunitario.

O alcalde, José Manuel López Varela, afirmou que o proxecto de Retegal cumpre con esas características e, ao estar valorado nun total de 21.460 euros, terá unha bonificación superior aos 400 euros, debendo abonarse unicamente 134 euros por concepto de ICIO.

O rexedor municipal lembrou que a instalación desta antena estaba recollida no Plan Director para o Desenvolvemento da Sociedade da Información e forma parte das actuacións previstas no Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia. Segundo López Varela, a obra será beneficiosa para o acceso ás novas tecnoloxías nas zonas rurais ás que afecta, nas que se ofrecerá o servizo de acceso á internet da mesma calidade que nos cascos urbanos.

Minuto de silencio

Os dezasete edís do Pleno gardaron un respectuoso minuto de silencio na memoria de Francisco Ramón García Silva, “Kiko”, o que fora concelleiro polo Partido Popular no Concello da Laracha durante tres lexislaturas (de 1995 a 2007) e que faleceu repentinamente na mañá de onte aos 49 anos de idade.

16 de xuño de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.