O Concello da Coruña presenta á Rede Converxen os itinerarios formativos de emprego e empresa cunha inserción laboral que supera o 60%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe a tenente de alcalde Luisa Cid, participou na terceira reunión da Rede Converxen, unha plataforma integrada por Málaga, Cidade Real, Selecta e A Coruña creada para establecer vías de colaboración e compartir coñecementos e metodoloxías en materia de emprego.

No encontro, celebrado en Cidade Real, analizáronse as boas prácticas en materia de formación e emprego que desenvolve cada cidade dentro das súas áreas municipais. A representación coruñesa centrou a súa intervención nas boas prácticas do proxecto Rede Coruña Emprega II, que xestiona o Pacto Local para o Emprego integrado por 23 entidades públicas, sociais e económicas da cidade e onde están presentes non só as administracións local e autonómica, senón tamén entidades sindicais, organizacións empresariais, entidades financeiras e sociais.

Así mesmo, os participantes puxeron en valor os criterios de calidade dos itinerarios formativos do proxecto Rede Coruña Emprega II con prácticas profesionais en empresas e cun nivel de inserción laboral superior ao 60%. O convenio asinado polo Concello coa Xunta de Galicia para a acreditación directa da formación de Rede Coruña Emprega II, de acordo aos novos certificados de profesionalidade, e cuns índices de inserción laboral de máis do 75% foi outra das accións da Coruña que suscitou gran interese entre os técnicos das cidades da Rede Converxen.

Os encontros técnicos da Rede Converxen amplían a difusión das boas prácticas xeradas nos diferentes territorios, abordando procesos de transferencia co obxectivo de sumar esforzos e levar a cabo actuacións máis eficaces na promoción de emprego.

11 de xuño de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.