O Concello da Coruña convoca 17 novas prazas das bolsas europa FP – Proxecto Acore II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, informou esta mañá sobre a nova convocatoria das Bolsas FP – Proxecto Acore II que ofrece 17 novas prazas para que estudantes titulados en FP de Grao Superior en centros públicos da cidade, poidan realizar prácticas de formación en empresas europeas de Austria, Italia e Gran Bretaña durante seis meses.

“Na súa segunda edición o proxecto Acore ofertará un total de 30 bolsas: na primeira convocatoria ofertáronse 13 prazas a estudantes que, desde maio e ata o mes de outubro, están a realizar prácticas en Reino Unido (4), Italia (4) e Austria (5). As 17 bolsas que se ofrecen agora corresponden a estancias formativas tamén de seis meses de duración que se realizarán no período comprendido entre novembro de 2014 e finais de abril de 2015, en Viena (5), Florencia (6) e Portsmouth (6)”, explicou o concelleiro.

Francisco Mourelo explicou que as persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes, por medio da ficha de inscrición que se pode descargar da páxina web www.edu.coruna, a partir de hoxe, luns 16 de xuño, e ata o próximo 4 de xullo.

Como requisitos, os estudantes deben de finalizar a súa formación nun ciclo de Grao Superior pertencente ás familias profesionais de Hostalaría e Turismo, Comercio e Mercadotecnia, e Administración e Xestión; e obter a titulación en centros públicos da cidade. Outro requisito establecido para poder optar a esta bolsa é ter entre 18 e 35 anos; e, por primeira vez, avaliaranse os expedientes académicos a partir dunha nota media de 5.

Neste proceso de selección participa profesorado dos centros públicos coruñeses de FP que colabora estreitamente co Concello tanto na convocatoria como no desenvolvemento do programa.

Unha vez realizada a selección, os estudantes con bolsa recibirán durante un mes e medio un curso intensivo de aprendizaxe oral dos idiomas inglés, italiano e alemán, adaptado ás súas especialidades e con información cultural e laboral específica sobre as súas localidades e países de destino.

“Este proxecto é unha continuidade do desenvolvido no ano 2013, no que participaron cinco novos coruñeses que durante o último trimestre de 2013, puideron realizar as súas prácticas formativas en empresas dos mesmos países. Así, entre as dúas edicións, participarían no proxecto Acore un total de 35 técnicos superiores”, destacou o concelleiro.

A segunda edición do programa está financiada con 170.000 euros. Este financiamento cobre os desprazamentos de ida e volta dos mozos bolseiros aos seus países de destino, o aloxamento, os correspondentes seguros e o curso de preparación lingüística e cultural. Ademais, reciben tamén unha cantidade en metálico para colaborar nos seus gastos diarios.

O programa municipal Bolsas Europa FP – Proxecto Acore II organizado polo Concello da Coruña coa colaboración da Deputación Provincial e o Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos do Ministerio de Educación, esta incluído e financiado en parte polo proxecto europeo de mobilidade Leonardo da Vinci.

16 de xuño de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.