O Concello da Coruña aproba un investimento de máis dun millón de euros para mellorar a calidade de vida dos coruñeses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña aprobou de maneira inicial, na sesión plenaria desta mañá, un modificativo de crédito de 5,1 millóns de euros destinado a proxectos estratéxicos da cidade como a dinamización e participación cidadá, programas sociais, de emprego e fomento do deporte; así como a aprobación inicial da modificación do Orzamento do IMCE de 2014. Ademais, tamén deu luz verde á redución do tipo de interese en 140 puntos básicos (1,4%) no plan de pago a provedores aprobado en 2012 e ao que se acolleu o Concello, por importe de 7 millóns de euros, que permitirá un aforro dun millón de euros.

Por outra banda, aprobáronse dúas mocións. Coa unanimidade de todos os grupos acordouse apoiar á universidade pública galega e tamén se deu luz verde -coa única abstención do BNG- a unha moción de apoio aos empresarios autónomos.

MODIFICATIVO

O pleno aprobou, cos votos a favor do PP, un modificativo de crédito por un importe total de 5,1 millóns de euros. O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, lembrou que a Concellaría de Servizos Sociais conta co orzamento máis importante da historia desta cidade, con 15,57 millóns de euros. A este investimento, súmanse agora outros 388.750 euros para a área que dirixe Miguel Lorenzo. Entre as principais partidas neste modificativo, para a área de Servizos Sociais destacan:

– 169.000 euros para convenios con 15 entidades da cidade. Con este investimento, o Goberno municipal dedica este ano un total de 2,35 millóns de euros a colaborar coas entidades sociais, un 76% máis que no orzamento municipal de 2011 (un millón de euros máis).
– 100.000 euros para Emerxencia Social, o que supón alcanzar os 760.000 euros, triplicando o orzamento de 2011 que programou o bipartito para este servizo.
– 67.250 euros para Comedores Escolares e que, sumados aos 617.160 euros programados no orzamento de maneira inicial, elevan a cantidade para 2014 até 684.410 euros, máis do dobre que en 2011.

O Concello tamén incorpora ao seu orzamento 94.300 euros para convenios coa Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social e coa Cámara de Comercio, dentro do espírito de colaboración en proxectos que contribúan a mellorar o acceso ao mercado laboral e a formación dos coruñeses.

Roberto Coira destacou que o modificativo de crédito tamén permite:

– Incrementar en 110.000 euros as partidas municipais recollidas no orzamento inicial para actividades deportivas e xuvenís, como o programa Nocturnia.
– Destinar outros 10.000 euros á área de Rehabilitación, en concreto, para a recuperación da contorna e o acceso á Porta de San Miguel.
– Dedicar 62.146 euros para proxectos do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), dentro da aposta pola mellora dos seus equipamentos e do material que empreguen os seus efectivos.
– Achegar 300.000 euros ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) para os seus programas de dinamización social e económica e situar A Coruña como un referente turístico e cultural, grazas ao éxito de actividades como as fogueiras de San Juan ou as festas de María Pita, uns festexos que en agosto do ano pasado superaron os 2 millóns de persoas.

O concelleiro de Economía e Facenda tamén explicou que, como en anos anteriores, o modificativo de crédito debe destinar parte do diñeiro ao pago de sentenzas urbanísticas xeradas pola xestión de anteriores equipos de goberno. Así, destínanse 200.000 euros para fallos xudiciais nos que está pendente de fixarse a indemnización final -a maioría corresponden ao caso Someso-, o que á súa vez evita que no futuro sexa necesario pagar intereses de demora. Estes 200.000 euros súmanse aos 3,8 millóns que xa se recollen no orzamento inicial de 2014 para sentenzas urbanísticas, polo que agora elévase a cantidade final até os 4 millóns de euros. O modificativo de crédito permite tamén que non queden facturas pendentes de pago.

Roberto Coira informou de que o modificativo de crédito finánciase, sobre todo, grazas ao remanente de tesouraría (4.387.153 euros, o que supón o 86% do importe), o que pon de manifesto a boa xestión dos recursos públicos e o aforro que se produciu no gasto superfluo con respecto a etapas anteriores. O resto do financiamento procede sobre todo de baixas de crédito, entre as que se atopan o aforro na adxudicación de proxectos, ao rebaixarse o seu importe final con respecto ao prezo de licitación.

Ademais, aprobouse de forma inicial un modificativo do Orzamento do IMCE que se financia con remanente líquido de tesouraría. Un total de 881.757 euros que se destinarán, na súa maioría, á organización de actividades de dinamización.

REBAIXA DE INTERESES DO PLAN DE AXUSTE

O pleno aprobou a redución do tipo de interese en 140 puntos básicos (1,4%) no plan de pago a provedores aprobado en 2012 e ao que se acolleu o Concello, por importe de 7 millóns de euros, para facer fronte ás facturas que os anteriores responsables locais deixaron pendentes de abonar. Este acordo suporá un aforro ás arcas coruñesas de 100.000 euros anuais, é dicir, un millón de euros á finalización do pago do crédito concedido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Roberto Coira sinalou que este acordo vén por mor da proposta presentada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a modificación das condicións financeiras do plan de pago a provedores de 2012, unha proposta que foi aprobada na Comisión Nacional de Administración Local. Con esta decisión, o Concello reducirá o tipo de interese -que actualmente se atopa no 5,595%- en 140 puntos básicos, mantendo os actuais períodos de carencia
(2 anos) e de amortización (10 anos).

“Esta medida permite alixeirar ao máximo posible a carga financeira derivada do préstamo de 7,05 millóns de euros para o pago a provedores. O aforro estimado coa aplicación desta decisión é de 100.000 euros anuais, o que suporá ao redor dun millón de euros á finalización do pago do préstamo”, destacou o responsable municipal da área de Economía e Facenda.

O concelleiro explicou que, do tres modalidades acordadas pola FEMP e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para flexibilizar as condicións financeiras do pago a provedores, o Concello da Coruña acóllese á que lle permite reducir o tipo de interese do préstamo sen ampliar o período de amortización. “Optamos pola modalidade que máis favorece ás arcas municipais, pois tiñamos a posibilidade de ampliar o período de carencia e o período de amortización, pero a solvencia económica da facenda municipal permítenos manter os prazos de pago do préstamo”, engadiu Coira.

O aforro dun millón de euros na amortización da débeda súmase ás políticas do actual equipo de goberno que favorecen a eliminación do gasto superfluo e a mellora da xestión dos servizos sociais, liñas básicas que permiten impulsar o plan de axuste e que se traduciron nun aforro de 744.411 euros no primeiro trimestre deste ano,
o que suporá a finais de 2014, de manter esta tendencia, un aforro de 7,5 millóns desde que se empezou a aplicar o plan de axuste a mediados de 2012.

“O plan de pago a provedores permitiu unha inxección de liquidez sen precedentes; un alivio ao sector empresarial, especialmente a autónomos e a pequenas e medianas empresas; e unha consolidación dos postos de traballo. A irresponsable xestión dos fondos públicos da anterior etapa municipal provocou inquietude e preocupación aos máis de 80 provedores que estaban pendentes de cobrar do Concello hai dous anos”, explicou.

Roberto Coira tamén informou de que, para reducir o tipo de interese en 1,4% e aforrarse un millón de euros no plan de pago a provedores, o Concello impulsará unha serie de medidas acordadas polo Goberno central e a FEMP que suporán un salto adiante no uso das novas tecnoloxías por parte da administración e que axilizarán a tramitación dos expedientes por parte dos emprendedores:

– Adhesión automática ao momento xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración Xeral do Estado. Esta plataforma permitirá aos contratistas municipais a remisión das facturas electrónicas ao Concello.
– Adhesión automática á plataforma ‘Emprende en 3’ para impulsar e axilizar os trámites para o inicio da actividade empresarial.
– Proceder á substitución de polo menos o 30% das vixentes autorizacións e licenzas de inicio de actividade económica por declaracións responsables, unha medida que o Concello xa recolleu na ordenanza que aprobou de maneira inicial en maio para a intervención e control na execución de obras, implantación de instalacións e actividades ou servizos.

MOCIÓNS

A Corporación municipal ha acordado, por unanimidade, dar o seu apoio á universidade pública galega, facendo súa a declaración institucional aprobada polo Claustro da UDC o pasado 15 de maio. Desta forma, o Concello oponse á subida do custo das matrículas universitarias; pide a retirada dos mecanismos propostos para revisar a dedicación docente; reclama o financiamento público necesaria para que a UDC poida converxer coas universidades europeas coas que se compara; e solicita a implicación da sociedade na defensa do dereito fundamenta á educación.

Ademais, tamén se aprobou -coa única abstención do BNG- unha moción de apoio aos empresarios autónomos que recoñece a súa importancia cuantitativa e cualitativa como xeradores de emprego e riqueza. Nela, solicítase ás administracións correspondentes que continúen cos avances na equiparación de dereitos dos empresarios autónomos con outros colectivos en canto a prestacións sociais e ínstase ás entidades e institucións a facilitar o acceso dos autónomos ao financiamento necesario para o fomento e continuidade da actividade emprendedora.

COMUNICADO POLO ASCENSO DO RC DEPORTIVO

O pleno comezou coa lectura, por parte do alcalde, Carlos Negreira, dun comunicado de felicitación ao RC Deportivo polo regreso do equipo a Primeira División. Agradeceu ao corpo técnico, persoal e consello da súa administración este logro e destacou o papel da afección “polo seu comportamento exemplar no catro últimas tempadas” e por ser “o mellor escudo” para o equipo. Negreira tamén subliñou a lección que a cidade deu na celebración do evento ao non rexistrase incidencias. “Estou seguro de que chegamos para quedarnos”, finalizou.

9 de xuño de 2014 | 14:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.