O Comité de Urbaser en Santiago apoia as demandas dos compañeiros lucenses
O Comité de Empresa de Santiago da sinatura ambiental Urbaser manifestou nunha nota de prensa o seu apoio ás “xustas reivindicacións dos compañeiros en Lugo”, que se atopan en folga indefinida para demandar “un convenio digno”.
“Condenamos a actitude da empresa, que despediu o primeiro día de folga 12 compañeiros, e denunciamos que se trata dunha estratexia para amedrentar ao conxunto do persoal para que asuma sen protestar, nin se mobilizar, os recortes que pretende impoñer”, declararon os integrantes do comité.
Denunciaron, tamén, “a pretensión de Urbaser de maximizar os beneficios” a custa de recortar os dereitos dos traballadores. Nesta liña, recordaron que en Compostela “tamén se está a negociar un convenio”.
Ademais, o comité expresou que os traballadores non se amedrentarán “con este tipo de actitudes”, e que de ser necesario adoptarán “as medidas que consideremos oportunas” para garantir que respecten os seus dereitos como traballadores e a súa “dignidade como persoas”.











