O Círculo de Novos Empresarios de Ourense reunirá nun encontro aos axentes implicados no emprendemento

Presentación do I Encontro de Novos Empresarios de Ourense
Dar a coñecer os proxectos que hai en marcha na provincia, interactuar coas distintas institucións, e poder xerar sinerxías son algúns dos obxectivos que, segundo Lois Babarro, presidente deste colectivo, persegue este I Encontro de Novos Empresarios de Ourense. O escenario será o pazo Casal de Armán o vindeiro venres, 13 de xuño, ás 14:30, e prevén contar cuns 60 asistentes. A presentación deste evento serviu para facer un chamamento a todas as institucións e empresarios que queiran participar nel.
Lois Babarro apuntou que é importante que as institucións saiban que hai iniciativas en marcha na provincia para poder apoialas, ‘están dispersas pero hainas e é necesario que teñan un nexo común, para unificar e rendibilizar recursos’.
O presidente do Círculo de Novos Empresarios aproveitou para comentar que esta asociación conta con máis de medio centenar de membros, e que desde a mesma pretenden cambiar a corrente para romper co pesimismo á hora de montar unha empresa, dando a coñecer que hai opcións para os mozos, que si emprenden e crecen de forma considerable. Precisamente, comentou que o CJE encárgase de axudar e tutorizar nos primeiros pasos a esta xente que ten proxectos.
En canto ao emprendimiento na provincia, Lois Babarro defendeu que ‘hai que romper co estigma de que os mozos só emprenden en novas tecnoloxías e pór en valor aos novos adegueiros, ou a quen o tenta no rural, onde hai moitas posibilidades que aínda non están explotadas’, e fixo alusión á plantación de oliveiras en Cenlle pilotada por mozos emprendedores.











