O circuíto ‘Cultura no Camiño’ levará 88 funcións escénicas e concertos aos 22 concellos pontevedreses

Presentación das funcións
A Xunta de Galicia desenvolve ata finais de setembro o programa ‘Cultura no Camiño 2014’, que na provincia de Pontevedra conta coa participación de 22 concellos para ofrecerlle ao público un total de 88 concertos e representacións escénicas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia organizan esta segunda edición do circuíto, en colaboración con 81 municipios das diferentes rutas xacobeas en Galicia e co patrocinio de Gadis, como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.
A programación en Pontevedra foi presentada hoxe polo delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís; o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela. Este ano a provincia incrementou notablemente a súa representación nesta iniciativa respecto da primeira edición, celebrada durante o mes de outubro de 2013 coa participación de 14 municipios que acolleron 23 citas escénicas e musicais.
Cinco meses de programación
O delegado territorial da Xunta ofreceu as cifras de ‘Cultura no Camiño 2014’ na provincia, onde arrancou o pasado 19 de abril e se prolongará ata o 27 de setembro. Durante estes cinco meses de actividade, un total de 61 formacións e artistas actuarán nos 22 municipios pontevedreses do circuíto para conformar unha ampla e heteroxénea oferta cultural: 37 funcións de teatro de actor, monicreques e narración oral, 23 sesións de maxia, dez de novo circo, unha de danza e 17 concertos. Ademais, destacou nesta programación a oferta especialmente dirixida ao público infantil e familiar, que supón un 60% do total das citas.
Segundo explicou, esta carteleira despregarase en oito concellos da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla (A Illa de Arousa, Cambados, Catoira, Meaño, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa), outros oito do Camiño Portugués (Caldas de Reis, Mos, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Soutomaior e Tui), catro do Camiño Portugués-Costa (A Guarda, Baiona, Nigrán e O Rosal), un da Vía da Prata (Silleda) e outro do Camiño de Inverno (Rodeiro).
Así mesmo, Cores Tourís fixo fincapé en que a programación de ‘Cultura no Camiño’ na provincia de Pontevedra contribuirá á descentralización da oferta cultural e achegará os espectáculos e concertos a miles de espectadores, tanto aos peregrinos do Camiño Portugués como aos habitantes das vilas xacobeas, que son parte fundamental da acollida e da imaxe do noso destino.
Conservación, mantemento e promoción do Camiño
Na súa intervención, o xerente do Xacobeo asegurou que as actuacións para a conservación, mantemento e promoción do Camiño son fundamentais para a súa difusión e para incrementar o valor engadido da experiencia de ser peregrino en Galicia. “Hoxe estamos ante a presentación dunha acción promocional que incrementa a vertente cultural da experiencia. Un programa escénico que ademais está enmarcado na programación do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela”, afirmou.
Sánchez Bargiela lembrou, ademais, que o extenso programa turístico-cultural planificado con motivo desta efeméride inclúe acontecementos culturais, artísticos e sociais, así como actuacións relacionadas coa divulgación e coa investigación, así coma iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.
Pola súa banda, o director da Agadic incidiu no esforzo organizativo e orzamentario de todas as entidades da Administración autonómica e local implicadas, grazas ao que é posible repetir esta experiecia por segundo ano consecutivo, así como duplicar o número de concellos inscritos e mesmo triplicar as actuacións celebradas durante a súa anterior edición. Neste mesmo sentido, agradeceu tamén a participación de Gadis no proxecto como empresa patrocinadora.
Financiamento
O financiamento deste programa realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais implicadas seguindo criterios de poboación. Así, para municipios de máis de 20.000 habitantes, a Consellería de Cultura e Educación e Turismo de Galicia achegan o 40 por cento dos cachés dos espectáculos, mentres que nos concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asume a metade dos custos.
Jacobo Sutil ofreceu, ademais, os datos xerais de ‘Cultura no Camiño’ que, cun total de 81 municipios galegos inscritos en 2014, supón a vertebración dun extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través das localidades situados nas diferentes rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.
As representacións e concertos que se están a desenvolver nos devanditos concellos pontevedreses forman parte, pois, dunha ampla carteleira de 322 actuacións protagonizadas por 134 compañías e artistas. Suman, en total, 159 representacións de teatro e danza, 74 de maxia, 60 actuacións musicais e 29 de novo circo.
En canto ao resto das provincias, na da Coruña 31 concellos acollen 116 actuacións, na de Lugo, 18 municipios levan aos escenarios un total de 80 representacións; e na de Ourense, 10 municipios ofrecen 38 concertos e funcións escénicas.











