publicidade hoxe

O ciclo música nos Tilos cumpre cinco anos cunha oferta musical de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O ciclo Música nos Tilos cumpre cinco anos. E continúa nesta edición ofrecendo unha oferta musical de calidade nun espazo moi concreto, a Casa Común dos Tilos. O aforo do local é limitado polo que os concertos deste ciclo teñen a particularidade de presentarse nun formato íntimo e cercano, no que o público case se da a man coas bandas que participan.

Deste xeito, Música nos Tilos presenta un concerto cada venres do mes de xuño. Todos son de balde ata completar aforo e comezan ás 22:30 horas. Nesta edición a programación caracterízase pola presenza de bandas instrumentais, aínda que as voces sempre terán un oco neste formato. Así este venres 6 de xuño terá lugar a actuación de Jamila Purofilin, proxecto liderado pola cantante cubana Jamila Castilla.

O venres 13 de xuño contaremos co trío de jazz galego máis coñecido, Sumrrá, formado por Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e LAR Legido. Contan con máis de dez anos de vida e un estilo que se reinventa en cada concerto. O venres 20 de xuño actúa nos Tilos Miguel Flores Trío, liderado polo guitarrista gaditano do mesmo nome. Vive en Galicia dende hai anos, onde ten colaborado con músicos como Narf, Guadi Galego, Leilía… Miguel Flores estará acompañado en Teo de Pablo Pérez ao contrabaixo e Carlos Freire na percusión.

Pecha este ano Música nos Tilos Trim, formado polos galegos Pedro Fariñas e Fernando Barroso e o portugués Luís Peixoto. Trátase dunha banda na que se mistura a gaita coas cordas, creando música orixinal con referencias á tradición popular.

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Teo e conta coa colaboración da Deputación da Coruña no seu financiamento.

3 de xuño de 2014 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.