publicidade hoxe

O ciclo Monumenta programa actividades culturais no patrimonio de Sarria, Pantón e Lourenzá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLourenzáLugoPantónSarria
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa ao longo deste mes actividades culturais nas localidades lucenses de Sarria, Pantón e Lourenzá no marco da segunda edición do ciclo Monumenta.

Esta iniciativa de difusión do patrimonio integra música de diversos estilos, faladoiros e mesmo probas deportivas, e ofrece unha proposta lúdica e cultural aos veciños e visitantes ao tempo que pon en valor monumentos singulares nos que se teñen realizados recentes intervencións de rehabilitación.

A participación dos veciños e veciñas é un elemento central en Monumenta, que este ano engade unha programación pedagóxica co alumnado dos centros educativos das áreas nas que se atopan os bens restaurados. O traballo previo nas aulas está directamente vinculado coas actividades levadas a cabo sobre o territorio e con elas búscase educar, divulgar e concienciar as futuras xeracións en materia de patrimonio.

A primeira cita da provincia lucense desenvolverase o día 8 de xuño na igrexa de Santa María Magdalena, en Sarria. Esta basílica, situada en pleno Camiño Francés, destaca pola variedade de estilos arquitectónicos na súa construción, converténdoa nunha obra única na arquitectura relixiosa galega.

Neste entorno, a partir das oito da tarde, alumnos e alumnas dos colexios A Mercé e Nosa Señora da Asunción presentarán os seus traballos realizados arredor do patrimonio. De seguido abrirase unha conversa aberta para comentar a tradición dos luthiers en Sarria.

Como remate do programa previsto, dende as nove da noite, preséntase a actuación de Le Voyage, composto polos músicos Germán Díaz e David John Herrington, que ofrecerán en Sarria unha mostra do seu novo proxecto, un percorrido polas músicas tradicionais do jazz con instrumentos como a tuba, a corneta e a singular lira organizzata.

Cantares de cego e tradición musical galega

O 22 de xuño, o ciclo Monumenta chegará ao Convento de Ferreira de Pantón, probablemente o único de Galicia que conserva a función coa que naceu aló polo século XII. Esta xornada estará dedicada aos cantares de cego, interpretados por músicos populares dende a Idade Media.

A actividade comezará pola mañá (11.00 horas), cun percorrido pola vila a través da actividade Andar con arte. Esta iniciativa servirá para, mediante un paseo a pé, achegar aos participantes a distintos elementos do patrimonio desta localidade como o Pazo de Maside ou o Mosteiro das Bernardas. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, os alumnos do CEIP Monte Baliño farán unha presentación dos seus traballos no convento.

De seguido abrirase un faladoiro para conversar cos veciños que coñeceron a Eladio, o cego de Eiré, e facerlle unha pequena homenaxe a este músico. Ás 18.30 horas, e para rematar a xornada, a música encherá o convento de Ferreira cos cantos de Alba María -gañadora do I Certame de Canción de Autor de Teo- e a zanfona de Óscar Fernández, un dos fundadores do grupo Os Cempés.

A última cita dentro da provincia será o 29 de xuño. Terá lugar no Pazo de Tovar, en Lourenzá, unha construción de estilo gótico que se comezou a realizar no século XVI da man de Antonio de Tovar.

Esta xornada comezará cunha serie de probas deportivas polo Val de Lourenzá que se prolongarán ao longo de todo o día, comezando ás once da mañá. Ás 13.00 horas terá lugar unha conversa cos veciños sobre a memoria do castelo de Tovar e a continuación actuará a Asociación Osorio Gutiérrez, centrada na divulgación da tradición da música e do baile galego.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, Fantoches presentará un espectáculo de narración oral e música no devandito castelo de Tovar. Como remate da xornada, o recoñecido cociñeiro local Iago Castrillón dará unha clase de cociña de fabas con callos co obxectivo de recuperar este prato tradicional.

6 de xuño de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.