O ciclo Candilejas Don Bosco homenaxea en xullo ao teatro afeccionado
Durante a primeira quincena do mes de xullo volve o teatro afeccionado ao Colón co Festival Candilejas Don Bosco, co que tratamos de render homenaxe a un dos certames máis importantes no ámbito do teatro amador. A mostra arranca o martes 1 de xullo ás 20.30 horas coa obra O Gato con Botas do CEIP Tarrío de Culleredo. As entradas poden adquirirse nos puntos de venda habituais e teñen un prezo de 3 euros.
Ademais do grupo de teatro do CEIP Tarrío que abre o festival participan: o Centro Liceo de A Coruña que presentará o mércores 2 o musical Annie, o grupo Vagalume Animación de Carballo que presenta o martes 8 Os Cavernícolas, o Grupo Arjé Teatro de Pontedeume con función o mércores 9 da obra Noites de amor e troula e o Grupo de Teatro Artesán de Sada que pecha o ciclo o martes 15 coa obra Los Caciques.
Esta iniciativa trata de homenaxear ao certame de teatro afeccionado Candilejas Don Bosco. O grupo do mesmo nome naceu o 24 de maio de 1985 no Centro Calvo Sotelo e por el pasaron máis de 450 mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos. Ningún dos seus compoñentes é profesional das artes escénicas, é a experiencia de moitas horas e traballo e a ilusión enriba das táboas o que os leva a continuar co seu traballo.
En 1998 crearon o Certame de Teatro Escolar ao considerar que esta actividade era unha ferramenta fundamental na formación integral dos alumnos. Déronlle así a oportunidade a miles de nenos non só de Galicia, senón tamén doutras comunidades, de representar as súas obras e facer visible a súa vocación. Durante a primeira quincena de xullo algúns destes grupos representarán as súas propostas teatrais sobre o escenario do Colón.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, do Centro Sociocultural Novacaixagalicia e na web de Servinova a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











