O Centro Municipal de Emprego de Ferrol impartirá novas especialidades formativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vén de acreditar ao Centro Municipal de Emprego en novas especialidades de formación e emprego relacionadas cos cursos de Competencias Clave de niveis 2 e 3. Así o indicou hoxe a titular de Emprego aos grupos municipais en comisión informativa e destacou que esta resolución da Consellería de Traballo e Benestar permitirá a Administración municipal acceder a máis achegas autonómicas para a organización e desenvolvemento de accións formativas e, por conseguinte, aumentar a oferta de cursos que se imparten nas instalacións do Centro Municipal de Emprego, situadas na rúa Sagrada Familia número 56 –barrio de San Pablo – Catabois-.

En concreto, a Dirección Xeral de Emprego e Formación resolveu homologar ao Centro Municipal de Emprego do Concello de Ferrol para impartir os seguintes cursos de competencia clave: Comunicación en Lingua Castelá (niveis 2 e 3); Comunicación en Linguas Estranxeiras – Inglés (niveis 2 e 3); Comunicación en Linguas Galega (niveis 2 e 3) e Competencia Matemática (niveis 2 e 3). A edil Martina Aneiros destacou que o “Centro Municipal de Emprego é o único da comarca que ten a homologación da Xunta de Galicia para este tipo de accións formativas que teñen por obxectivo que a xente que supere estes cursos de competencia podan acceder ao nivel 2 e nivel 3 de certificado de profesionalidade”.

Neste sentido, a concelleira de Emprego explicou que posuír as Competencias Clave nivel 2 e nivel 3 confire a posibilidade ás persoas que non teñen formación en ESO ou equivalente de acceder aos cursos de formación ocupación con certificado profesional e mellorar, deste xeito, a súa formación para a inserción laboral. E ao fío disto, Martina Aneiros deu conta de que o 75% do alumnado que participou nos cursos de preparación para as probas de competencia clave (nivel 2) desenvolvidos no Centro Municipal de Emprego conseguiu o aprobado. Por terceiro ano, o Concello de Ferrol preparou a través de cursos de apoio a persoas desempregadas para as probas de competencias clave nivel 2 convocadas pola Xunta de Galicia o pasado 24 de maio.

10 de xuño de 2014 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.