O Centro Cultural Torrente Ballester acolle o obradoiro para nenos “Descubrindo a túa cidade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, mantén ata o vindeiro martes, día 1 de xullo, o prazo de inscrición para anotarse no obradoiro gratuíto para nenos “Descubrindo a túa cidade”. A actividade está dirixida a menores entre 6 e 9 anos e os interesados deberán enviar un correo electrónico a info@centrotorrenteballester ou inscribirse no Centro Cultural Torrente Ballester, xa que o límite de prazas é de 15.

Este obradoiro desenvolverase o vindeiro venres, dia 4 de xullo, en horario de 11:00 a 13:30 horas no Centro Cultural Torrente Ballester. Durante a actividade, os nenos e nenas poderán familiarizarse cos edificios de Rodolfo Ucha Piñeiro, aprendendo a diferenciar os principais estilos que caracterizan o seu traballo (Modernismo, Eclecticismo Monumental e Racionalismo) a través dun sinxelo xogo de cartas. Así mesmo, terán a oportunidade de situar no mapa da cidade algúns dos edificios máis representativos, axudando así a potenciar a orientación espacial e a coñecer máis de cerca a arquitectura de Ferrol.

Ademais, os máis pequenos poderán construír o seu propio edificio cun sinxelo patrón para colorear. Para finalizar esta actividade, os menores realizarán unha visita lúdica e participativa á exposición “Rodolfo Ucha: construíndo Ferrol” na que porán en práctica os coñecementos adquiridos no obradoiro.

25 de xuño de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.