O Centro Comercial Arousa inicia un concurso para novos talentos da música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro Comercial Arousa pon en marcha hoxe a I edición dos concertos de verán, un concurso enfocado a apoiar a carreira musical de grupos emerxentes de Galicia, e en especial de Vilagarcía e a súa contorna, e que premiará ao gañador coa gravación dunha maqueta do seu último traballo nun estudo profesional.

Os concertos de verán están destinados a grupos ou solistas -de calquera estilo musical e residentes en Galicia- que buscan unha oportunidade para demostrar o seu talento. O obxectivo do concurso é que poidan dispor dunha plataforma que lles axude a dar a coñecer a súa música, a coller táboas sobre o escenario e a interactuar co público.

Os participantes deberán superar dúas fases para alzarse como gañadores. Na primeira, deberán demostrar con enxeño e nun vídeo presentación de dous minutos como máximo de duración, por que merecen optar ao premio. Os vídeos publicaranse despois no Facebook do centro comercial (link á aplicación: http://j.mp/Uflryu) para que os fans poidan votar aos seus favoritos. O tres grupos ou solistas que obteñan máis votos en Facebook pasarán directamente á segunda fase do concurso.

O resto dos aspirantes será elixido por membros da Comunidade de propietarios do centro, baseándose na calidade, orixinalidade e personalidade da súa proposta, ademais de na súa capacidade para entusiasmar e mobilizar ao público.

Xa na segunda fase, os concursantes seleccionados terán que demostrar a súa valía, agora sobre o escenario, durante unha actuación en directo – dun mínimo de 30 minutos- e na que se valorará a posta en escena –son, interpretación, orixinalidade dos temas, etc.-, ademais da capacidade de convocatoria e de entusiasmar e conectar co público. O gañador será elixido por membros da Comunidade de Propietarios do centro tras a avaliación de cada concerto.

A convocatoria para participar no concurso permanecerá aberta até o vindeiro venres 11 de xullo. As bases poden consultarse en www.ccarousa.com, na pestana concursos.

19 de xuño de 2014 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.