O Centro Bernardo del Río despide o curso con concertos e o festival de música e movemento
A Escola Municipal de Música Bernardo del Río despide o curso coa realización de diversas actividades nas que os alumnos serán os protagonistas. Esta tarde terá lugar no Auditorio o Concerto de Fin de Curso e o mércores os educandos máis activos actuarán no festival de Música e Movemento.
As sete e media desta tarde comezará o Concerto Final de Curso no que intervirán solistas e agrupacións do centro. Entre os solistas haberá violín, piano, trombón e trompeta; mentres que representando ás agrupacións participarán o Grupo de Corda e o Combo Moderno.
O mércores, 11 de xuño, os protagonistas serán os máis pequenos do centro co Festival de Música e Movemento que se desenvolverá a partir das 19:30 horas no Auditorio. A temática do festival xirará entorno a un conto, de composición propia, onde un narrador contará as aventuras e desventuras dun Salmón que quere retornar á súa cidade natal, Vilagarcía. Os nenos e nenas de 4 a 7 anos poñeranlle música a esta trepidante aventura.
E xa para rematar a semana, o venres 13 de xuño, os nenos e nenas de Iniciación á Música, os de 3 anos, farán uns pequenos festivais dentro da súa hora de clase para que os pais e familiares poidan ver a evolución dos seus fillos enriba dun escenario.
Estas actividades súmanse as realizadas durante a semana pasada pola Escola Bernardo del Río. O pasado xoves tivo lugar un concerto de Historia da Música, e o venres foron os nenos e nenas da Banda Infantil os que puxeron música na Sala de Concertos da Escola de Música.
Solicitudes para novo ingreso
Por outro lado, a Escola Municipal de Música informa que o prazo para presentar as solicitudes de novo ingreso para cursar estudos no centro bernardo del Río remata o venres 13 de xuño. Poderanse solicitar praza tanto para Música e Movemento, dende os 3 ata os 7 anos, así como nas diferentes especialidades instrumentais: clarinete, saxofón, guitarra, piano, percusión, frauta traveseira, violín, viola, violoncello, trompeta, trompa, trombón e bombardino.











