publicidade hoxe

O CENTRAD acolle unha mostra de traballos de torneiros de Xermade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoXermade
A-
A+

A Deputación de Lugo vén de colaborar co Concello de Xermade para poñer en marcha a mostra Torneados, unha exposición itinerante que exhibe preto dunha trintena de pezas elaboradas coa técnica do torneado polos participantes do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, celebrado nese Concello, e que foron seleccionadas especialmente polos relatores que amosaron o seu traballo en vivo durante este Encontro.

A institución provincial colabora, deste xeito, co municipio de Xermade nunha clara aposta pola recuperación do patrimonio histórico e cultural, e para dar a coñecer os oficios tradicionais de Galicia, practicamente desaparecidos na actualidade.

O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira comezou no 2001, pola iniciativa de profesionais e afeccionados do oficio que se reuniron na aldea da Fraga, no Concello de Xermade, para compartir coñecementos e aprender todo o relacionado co torneado da madeira. A súa intención era a de recuperar e poñer en valor o oficio dos torneiros, un dos oficios tradicionais do país, e unha das técnicas máis antigas empregadas para traballar a madeira, que se desenvolveu como unha artesanía vencellada á creación de pezas de uso doméstico, así como mobiliario.

O desenvolvemento de Internet e as novas tecnoloxías ten facilitado a promoción do sector, xa que contribúe a dar visibilidade a este oficio e permite un rápido intercambio de coñecementos e acceso ás novidades técnicas e ás tendencias actuais.

25 pezas artesanais en madeira

Torneados reúne 25 pezas realizadas en madeira, entre as que se contan variados obxectos, tanto decorativos e artísticos, así como outros máis cotiáns: cuncas e vasos; pratos; caixas e outros pequenos aparellos de almacenaxe, ou mesmo xoias forman parte desta mostra. Entre elas, destacan as tres pezas que foron galardoadas cos premios “Contornos 2013”, durante o pasado Encontro celebrado na Fraga de Xermade.

Datas e horarios

A exposición Torneados inaugurase mañá, 25 de xuño, ás 20:00 horas e permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de agosto na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, de luns a venres de 11:00 a 19:00 horas. A entrada é libre e gratuíta.

24 de xuño de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.