O CEIP Gándara-Sofán gaña o concurso escolar de reciclaxe de aceite usado de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Representantes dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria de Carballo, Coristanco, A Laracha e Malpica que participaron na segunda edición do concurso “Carballo tamén en botella” veñen de protagonizar o acto de entrega de premios do certame. Esta iniciativa promovida por Reave (Recollidas de Aceite Vexetal) SL e que tivo lugar entre o 15 de outubro de 2013 e o 30 de maio de 2014, ten como obxectivo principal fomentar entre os nenos e nenas criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día e na súa contorna, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Durante varios meses os alumnos e alumnas estiveron depositando botellas de aceite usado nos seus centros, e despois de ser contabilizadas, resultou gañador o centro que acadou a ratio máis elevada de aceite por alumno/a ao final da campaña. O primeiro premio foi un lote de material escolar e lote de libros que recaeu no CEIP Gándara-Sofán con 552 litros recollidos e unha ratio de 4,9 por alumno/a. O segundo premio foi un lote de libros que conseguiu o CEIP Canosa-Rus, que xuntou máis litros, 579, pero que acadou unha ratio inferior, de 3,5 por alumno/a. Todos os participantes recolleron, ademais, un diploma acreditativo por colaborar coa iniciativa. En total a campaña supuxo a recollida de 3.357 litros de aceite, superándose amplamente a cantidade da anterior edición, de 2.895 litros. Dende Reave consideran satisfactorio o incremento no número de centros participantes, pasándose de sete a doce coa presenza, ademais dos dous gañadores, do CEIP Nétoma-Razo, do CEIP A Cristina, do CEIP Xesús San Luís Romero, do CEIP Bergantiños, do CEIP Fogar, do CEIP Milladoiro de Malpica, do CEIP Joaquín Rodríguez de Buño, do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, e do CEIP de Caión. Porén, consideran que, a pesar de evitarse que máis de 3.000 litros de aceite contaminen a auga a través dos sumidoiros, a proporción axeitada para o número de alumnado dos centros sería a recollida de 20.000 litros. Por ese motivo, ademais de agradecer a colaboración dos centros até o de agora, aseguran que o ano que vén volverá o concurso con novas actividades de concienciación e tentando mellorar as cifras. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo tamén agradecer a colaboración da comunidade educativa nesta iniciativa, “para fomentar o respecto ao medio ambiente”, e desexou, ao igual que Reave, “que o próximo curso cada centro mellore os seus resultados”.

Campaña de composteiros nos colexios o próximo curso

O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, tamén presente na entrega de diplomas, anunciou así mesmo que o Concello continuará traballando a prol do medio ambiente durante o próximo curso, non só a través da promoción nos centros de ensino da reciclaxe do aceite usado, senón tamén con outras iniciativas. Unha delas será a colocación de composteiros nos colexios que así o soliciten para poder realizar compost cos refugallos que acheguen os cativos e cativas e introducilos neste sistema de xestión de lixo que reintegra os restos orgánicos no proceso produtivo do solo como fertilizante. A campaña nos centros de ensino formará parte dunha iniciativa maior para levar composteiros ao medio rural coa colocación de arredor de medio centenar nas casas de particulares que así o soliciten para que se coñeza a compostaxe e tamén para difundila como práctica habitual nas parroquias.

20 de xuño de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.