O Carballiño porá a disposición de Educación un terreo na Uceira para a nova Galiña Azul

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

O concello do Carballiño porá a disposición da consellería de Educación uns terreos municipais no barrio da Uciera cualificados como dotacionais, onde poder crear a nova Galiña Azul, demandada pola institución municipal, ante a necesidade de ofrecer máis prazas deste servizo ás familias da vila, co obxectivo de conciliar a vida familiar e laboral.

Nun principio a nova Galiña Azul íase a situar nos terreos do colexio do Campo da Feira pero, ante a negativa do consello escolar de CEIP Calvo Sotelo, o concello tivo que buscar unha nova localización, optando finalmente pola parcela municipal situada no barrio da Uceira.

Ademais de contar con terreo suficiente para situar este centro, o concello pensou no barrio da Uceira ao ser o que maior crecemento tivo nos últimos anos, e o estar preto da zona industrial ofrece maior comodidade para a conciliación da vida familiar e laboral, xa que moitos pais e nais tiñan que desprazarse até o centro da vila, onde está situada a actual Galiña Azul, para logo ter que ir até os seus traballos no polígono e parque empresarial.

Por outro a, a creación deste novo centro na Uceira vai provocar tamén a creación de novos espazos de lecer nesa zona. Por este motivo o alcalde mantivo unha reunión cos veciños deste barrio carballiñés, para ofrecerlles a posibilidade de crear un parque infantil e unha zona de recreo na mesma parcela municipal, arrombando unha zona que, até agora, estaba a provocar moitas queixas dos veciños. A noticia foi tomada de forma positiva por parte dos veciños que ven como, desta forma, auméntanse os servizos no seu barrio e créanse lugares de lecer para os veciños.

A nova Galiña Azul, que dará cobertura a uns 41 nenos, é unha necesidade que detectou o actual grupo de goberno de concello do Carballiño, tendo en conta a demanda existente na actualidade, así como a lista de espera que contempla a actual Galiña Azul, situada na rúa Calvo Sotelo.

23 de xuño de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.